Antas de Ulla convoca un certame de narración e debuxo infantil polas Letras Galegas
O Concello de Antas de Ulla, a través da Biblioteca Pública Municipal, convoca o seu certame de narración e debuxo infantil ‘Letras Galegas 2024’. Os debuxos e narracións terán que partir dun tema, “Ler para pensar, pensar para ser libres” e no caso das narracións, deberán estar redactadas en galego e contar cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara escrito a ordenador ou con bolígrafo.
Os debuxos pódense presentar sobre papel ou cartolina DIN A4. Haberá tres categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos. Os premios inclúen un diploma, material informático, lotes de material escolar ou libros. Cada autora ou autor poderá presentar cantos traballos desexe, con cadansúa folla de datos cumprimentada.
O material deberá ser entregado na propia Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla ata o venres 23 de maio. Os datos identificativos irán nas follas de datos, nunca no traballo presentado. O xurado, que estará conformado por persoas entendidas na materia, seleccionará a un máximo de tres traballos gañadores por cada modalidade e categoría.
Os traballos premiados participarán na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, que se reserva o dereito de publicación dos mesmos. A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, anima ós nenos e nenas a participar neste certame e a reflexionar sobre o tema que propón e “como os libros axudan a pensar, a elaborar teorías, a coñecer outras formas de pensamento ou de vida e a facer máis ampla a nosa conciencia”.