Antas de Ulla corta ao tráfico a estrada municipal entre Peibás e Velanxil polas intensas choivas

O Concello de Antas de Ulla vén de informar do corte temporal ao tráfico da estrada municipal que conecta as parroquias de Peibás e Velanxil debido aos danos provocados polas intensas e persistentes choivas rexistradas nas últimas semanas. As precipitacións continuadas están a provocar a saída constante de auga sobre o propio trazado da vía, unha situación que compromete gravemente a seguridade da circulación.
Segundo explica o goberno local, esta acumulación de auga está a ocasionar un deterioro importante do firme, coa aparición de zonas encharcadas e lamacentas e unha perda de estabilidade da estrada que incrementa o risco de que algún vehículo poida quedar atrapado. Na actualidade, o treito afectado atópase intransitable en condicións seguras, polo que se optou polo seu peche provisional.
O Concello sinala que xa se iniciaron os labores de drenaxe e reparación co obxectivo de restablecer a normalidade o antes posible. Porén, a auga que continúa a manar no punto afectado e a persistencia das choivas están a dificultar o avance das obras. Ademais, advirten de que o paso de vehículos pola zona recentemente intervida agrava o estado do firme e compromete os traballos realizados.
Ante esta situación, e co propósito de garantir a seguridade da veciñanza, evitar incidencias e permitir que as actuacións se executen correctamente, procédese ao corte temporal da estrada entre Peibás e Velanxil ata que melloren as condicións meteorolóxicas e se poidan rematar os traballos con todas as garantías. Desde o Concello piden comprensión, prudencia e colaboración mentres se manteñan estas restricións.