Antas de Ulla impulsa un proceso informativo veciñal sobre o Plan Básico en tramitación

O Concello de Antas de Ulla puxo en marcha un proceso de información e acompañamento dirixido á veciñanza en relación co Plan Básico que actualmente tramita a Xunta de Galicia para o municipio. Trátase dun documento considerado clave para o presente e o futuro do concello, xa que regula aspectos vinculados á ordenación urbanística e ao desenvolvemento territorial.
Co propósito de facilitar a comprensión deste procedemento e garantir que a información chegue de maneira clara e accesible á cidadanía, o goberno local organizará unha serie de encontros informativos en diferentes puntos do municipio. Nestes encontros, a alcaldesa explicará de forma sinxela o contido do Plan Básico, as súas posibles consecuencias sobre parcelas e vivendas, así como os mecanismos dispoñibles para presentar alegacións, reclamacións ou realizar consultas durante o proceso.
Desde o executivo municipal destacan a importancia de que a poboación poida coñecer de primeira man os detalles deste documento e trasladar as súas dúbidas ou preocupacións, tendo en conta que as decisións que se adopten terán repercusión directa na planificación urbanística futura de Antas de Ulla. O Concello insiste en que a implicación cidadá resultará fundamental para avanzar cara a un modelo de municipio baseado na información, no diálogo e no consenso.
O calendario de reunións informativas comezará o 22 de marzo en Antas de Ulla. Posteriormente celebraranse encontros o 27 de marzo en Olveda, o 28 de marzo en Santa Mariña e en Areas, o 29 de marzo en Dorra e o 5 de abril en Casa de Naia e novamente en Antas de Ulla.
Dende a Alcaldía fan un chamamento á participación da veciñanza nestes encontros, entendéndoos como unha oportunidade para informarse, resolver dúbidas e formar parte activa dun proceso considerado fundamental para o desenvolvemento futuro do concello. Ademais, as persoas que precisen unha atención máis personalizada poderán acudir á oficina municipal en horario de mañá, recomendándose solicitar cita previa para facilitar a organización da atención.