Antas de Ulla inicia a consulta pública para crear unha nova ordenanza sobre a actividade extractiva de madeira

LugoXa
O Concello abre un período de achegas cidadás para regular o impacto das labores de extracción e transporte nos camiños municipais
casa-concello-antas-de-ulla
14 Nov 2025

O Concello de Antas de Ulla vén de anunciar a apertura do prazo de consulta pública previo á elaboración da que será a nova Ordenanza reguladora do uso común especial do dominio público local polas actividades de extracción de madeira nos montes e áreas forestais do municipio.

Esta iniciativa desenvólvese ao abeiro do artigo 133.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, co propósito de favorecer a participación tanto da veciñanza como das organizacións potencialmente afectadas na redacción de novas normas municipais.

O proceso busca recoller opinións e propostas arredor de varios aspectos clave. En primeiro lugar, o Concello explica que a ordenanza pretende dar resposta aos problemas xerados pola actividade extractiva, que provoca danos nos camiños e vías públicas de titularidade municipal, facéndoos precisar actuacións de reparación. Por este motivo, estúdase a creación dunha taxa destinada a cubrir os custos derivados destes desperfectos.

No tocante á súa necesidade e oportunidade, o goberno local considera imprescindible previr, reducir ou corrixir o impacto que ocasiona o paso de vehículos de tracción mecánica —empregados con fins industriais, comerciais ou para o transporte de madeira— nas infraestruturas viarias municipais.

Entre os obxectivos da futura norma figura regular e garantir o financiamento das actuacións de mantemento e reparación relacionadas cos danos causados polas tarefas de extracción e traslado da madeira.

As persoas, entidades ou asociacións interesadas dispoñen dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á publicación deste anuncio na web municipal, para presentar suxestións e observacións. As achegas poderán enviarse a través da sede electrónica do Concello ou por calquera das vías previstas no artigo 16 da Lei 39/2015.

⚙ Configurar cookies
0.072395086288452