Antas de Ulla pon en marcha unha planta fotovoltaica para autoconsumo en dependencias municipais

O Concello de Antas de Ulla inaugurou recentemente unha instalación fotovoltaica fixa sobre cuberta destinada ao autoconsumo colectivo, cunha potencia nominal de 15 kW e unha potencia pico de paneis de 20 kW, con excedentes acollidos a compensación e sen acumulación.
O sistema abastecerá a Casa da Cultura, a Casa do Concello e o CEIP Plurilingüe Antas de Ulla, permitindo un uso máis eficiente e sostible da enerxía eléctrica nas instalacións municipais.
O obxectivo principal desta iniciativa é apoiar proxectos de xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos, favorecendo e incentivando o uso racional das enerxías renovables na vila.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Galicia FEDER 2021-2027, conforme á Resolución do 7 de marzo de 2024.