Antas de Ulla reabre a casa da cultura logo da súa reforma integral

LugoXa
O proxecto, que contou cun orzamento total de arredor dun millón de euros, foi financiado polo Concello, a Deputación de Lugo e o Goberno estatal
remodelacion-casa-da-cultura-antas-de-ulla-2
16 sep 2024

O Concello de Antas de Ulla celebrou o domingo pola tarde noite o acto de reapertura da Casa da Cultura do municipio.

O pasarrúas da Banda da Escola de Música de Antas de Ulla deu comezo á xornada percorrendo as rúas da vila dende a Casa do Concello ata a situación da casa da cultura, na rúa Miguel Ángel Blanco Garrido.

A continuación, o evento continuou no Salón de Actos das instalacións, onde tivo lugar un acto con intervencións de distintas autoridades e a visita a unha exposición.

O proxecto, que contou cun orzamento total de arredor dun millón de euros, foi financiado polo Concello, a Deputación de Lugo e o Goberno estatal. A administración local aportou máis de 150.000 euros de fondos propios, a institución provincial máis de 100.000, e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, outros 816.000.

Tomaron a palabra o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, o presidente da Deputación provincial, José Tomé Roca, e a alcaldesa do municipio, Pilar García Porto.

“Antas conta xa cunha casa da cultura completamente renovada e á altura da súa rica vida cultural”, sinala a alcaldesa. “Esta renovación era moi necesaria, e non tería sido posible de non ser polo apoio do Goberno de España e da Deputación de Lugo”, engadiu a alcaldesa.

Pola súa banda, o presidente da Deputación valorou tamén que “o rural está cheo de oportunidades e talento; o único que necesita son servizos públicos de calidade, coma este, para que a xente non teña que marchar” e engadiu que “o noso deber, desde as institucións, é crear as condicións para que todo ese potencial poida florecer”. Nese sentido insistiu tamén en que “os recursos son limitados”, “pero con vontade política, traballo en equipo e colaboración entre institucións, estamos demostrando que se pode avanzar”.

O delegado do Goberno en Galicia aproveitou para incidir no feito de que, "grazas ao Plan de Recuperación os cartos do Goberno están a chegar a todos e cada un dos concellos galegos, independentemente do seu tamaño, para transformar e mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Antas é un exemplo de como unha localidade pequena pode aproveitar as iniciativas do Goberno”, engadiu o delegado, que lembrou que este concello lucense foi un dos 50 adheridos ao programa da Axencia Tributaria para mellorar a atención ás persoas maiores durante a campaña da Renda.

Tamén estiveron presentes no acto outros membros da corporación municipal, así como representantes de diversas entidades culturais do municipio.

0.12581300735474