Antas de Ulla reclama á Xunta a apertura da residencia de maiores tras nove meses sen resposta

LugoXa
A alcaldesa Pilar García Porto denuncia o silencio da Consellería de Política Social ante un proxecto esencial para o municipio, financiado con fondos europeos
Residencia-Antas-de-Ulla
16 Oct 2025

O Concello de Antas de Ulla volve reclamar á Xunta de Galicia que poña en funcionamento a nova residencia de maiores, unha infraestrutura rematada e de gran relevancia social que continúa sen data de apertura.

A alcaldesa, Pilar García Porto, leva máis de nove meses solicitando formalmente unha reunión coa Consellería de Política Social e Igualdade para abordar cuestións técnicas e de coordinación, sen obter resposta máis aló dun “xa avisarían” que nunca se concretou.

Desde xaneiro, o Concello presentou ata seis peticións formais para fixar un encontro co Goberno autonómico, co obxectivo de “artellar un diálogo construtivo” e avanzar cara á posta en marcha dun servizo público imprescindible para o municipio. Porén, a Consellería segue sen ofrecer unha data de reunión nin información sobre os pasos a seguir, o que o Concello cualifica como unha situación “inadmisible”.

A nova residencia, construída sobre o antigo edificio dos apartamentos tutelados, supuxo un investimento de máis de 3,2 millóns de euros financiados con fondos europeos NextGenerationEU. O centro foi deseñado para ofrecer 56 prazas residenciais, o que representaría un importante avance no servizo de atención ás persoas maiores en Antas de Ulla e na súa contorna.

Actualmente, o municipio só conta con dúas Casas do Maior con dez prazas de uso diúrno, claramente insuficientes para cubrir as necesidades da poboación maior de 60 anos. Ademais, a alcaldesa lembrou que as dez persoas que residían na antiga residencia municipal foron trasladadas a un piso tutelado en Monterroso o 21 de novembro de 2022. “Tres anos despois, moitos deles non volveron saír de alí e seguen agardando poder regresar ao seu fogar”, subliñou.

O Concello reclama á Xunta “un trato digno para estas persoas” e esixe que se lles garanta un espazo adecuado en Antas de Ulla, que lles permita manter o seu benestar físico e emocional, así como condicións laborais dignas para o persoal que as atende. “Non pedimos privilexios —afirma García Porto—, pedimos xustiza, sensibilidade e respecto cara á nosa veciñanza”.

A rexedora anunciou que onte mesmo volveu reiterar a solicitude dunha reunión inmediata coa Consellería, instando á Xunta a actuar “con responsabilidade e respecto” cara á cidadanía. “Este silencio é xa insostible —conclúe—. As persoas maiores de Antas merecen atención, compromiso e feitos, non máis evasivas”.

⚙ Configurar cookies
0.073382139205933