Antas de Ulla: Ruta dos Petróglifos de San Fiz
Neste percorrido circular de once quilómetros pódese descubir unha das zonas con maior concentración destes gravados en pedra
O Monte Farelo, situado entre os municipios de Antas de Ulla e A Golada contén unha importante representación de petróglifos. Estes gravados en pedra son algunhas das representacións deixadas polo home prehistórico durante o terceiro e segundo milenio antes de nosa era, estendéndose durante a Idade de Bronce, un período caracterizado por unha economía de base agrícola e gandeira, cunha crecente metalurxia e unha sociedade cada vez máis estratificada.
Os petróglifos que se poden atopar la ladeira do Monte Farelo están realizados sobre pedra granítica, moi abundante na zona, e conforman sucos nos que predominan as espirais que tamén están presentes noutros lugares de Galicia.
A ruta que nos leva a visitar estes petróglifos partindo da praza do Concello de Antas de Ulla consta dun total de once quilómetros entre a viaxe de ida e volta. Colleremos dirección a Olveda para continuar pola rúa Rodeiro e unha vez finalizada continuaremos pola dereita en dirección a Vilasión, San Fiz e o Castro. Tras percorrer un quilómetro xa poderemos ver o Monte Farelo e adentrarémonos en Vilasión, onde poderemos desfrutar dos seus castiñeiros centenarios.
Unha vez pasemos a aldea continuaremos por unha pronunciada pendente cara abaixo para xusto despois adentrarnos entre carballos e bidueiros seguindo o curso dun pequeno regato. Unha subida daranos acceso a San Fiz de Amarante, onde deberemos tomar o primeiro desvío á esquerda deixando atrás a igrexa.
Aproximadamente en torno ao quilómetro tres colleremos de novo á esquerda en dirección a Bellos, Ermide e Santa Cristina e despois de medio quilómetro máis abandonaremos San Fiz e a estrada asfaltada para coller un camiño a man dereita que nos dirixirá á ladeira da montaña.
Despois de levar xa catro quilómetros de ruta chegaremos á ladeira da montaña e ao chegar a un cruce de camiños colleremos á dereita en dirección a un depósito de auga, unha vez aí deberemos percorrer cincuenta ou sesenta metros cara á dereita seguindo as pegadas da maquinaria agrícola dos veciños.
A Pena aparecerá á nosa esquerda e será o primeiro lugar onde poderemos ver os petróglifos. O da Pena de Chaos está situado a 620 metros de altitude nun punto que fai de unión entre a serra do Farelo e a pequena depresión de San Fiz. Duns trece metros de longo por cinco de ancho esta rocha granítica está clasificada como petróglifo monumental. Conta cun total de trinta motivos abstractos onde as combinacións circulares predominan.
Unha vez desfrutada a Pena de Chaos volveremos sobre os nosos pasos ata o depósito de auga para retomar o camiño á dereita e non o abandonaremos ata chegar de novo ao asfalto. Neste punto colleremos dirección cara Castro de Amarante e pasaremos pola aldea do Castro, onde tomaremos sempre o empedrado á esquerda, que nos levará ata a estrada de Lugo-Vigo. Por esta estrada chegaremos a Vilane onde nos quedará unha última pendente antes de ver as primeiras casa de Antas de Ulla.