Antas de Ulla salda a débeda histórica das obras do campo de fútbol

LugoXa
O Concello liquida 170.000 euros pendentes e reforza a estabilidade financeira do municipio
Firma-acordo-Deputación-Antas-de-Ulla
25 Oct 2025

O Concello de Antas de Ulla vén de facer fronte á débeda de 170.000 euros que o anterior goberno municipal deixou pendente coa empresa Galitec polas obras do campo de fútbol realizadas no ano 2019.

A situación, derivada dunha xestión administrativa deficiente, chegou aos xulgados e xerou custes adicionais de preto de 50.000 euros en intereses de demora, unha contía que podería terse destinado a melloras en servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas.

A alcaldesa, Pilar García Porto, destacou o esforzo e a responsabilidade coa que se afrontou este compromiso, negociando cada pagamento sen incrementar a carga fiscal da cidadanía. O goberno local priorizou o saneamento das contas municipais e traballou para devolver o prestixio e a estabilidade económica ao Concello.

Grazas á boa xestión e ao apoio da Deputación de Lugo, Antas de Ulla conseguiu saldar por completo a débeda, consolidando un paso importante na recuperación económica do municipio.

O equipo de goberno asegura que seguirá traballando con responsabilidade, transparencia e compromiso para garantir o futuro e a estabilidade financeira de Antas de Ulla.

⚙ Configurar cookies
0.084153890609741