Antas prepara o antigo cuartel para uso municipal e das asociacións

LugoXa
O Concello de Antas de Ulla xa rematou a primeira fase da mellora da antiga casa cuartel da Garda Civil, tras pechar a súa compra co Ministerio do Interior
cuartel_antas_de_ulla
Cuartel de Antas
27 Maio 2024

O Concello de Antas de Ulla xa rematou a primeira fase da mellora da antiga casa cuartel da Garda Civil, tras pechar a súa compra co Ministerio do Interior. O prezo da adquisición foi de 78.000 euros, que poderán pagar en dez anos. “Gañamos un novo inmoble para uso municipal e social e dámoslle vida a un edificio de referencia no concello”, sostén a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto.

En concreto, a antiga casa cuartel terá locais para as asociacións culturais do concello e unha zona para servizos municipais, con espazos para a organización de actividades, cursos e charlas. O concello xa acondicionou unha das alas do inmoble, onde está a día de hoxe a biblioteca, despois de levar a cabo as reformas eléctricas necesarias e a instalación de calefacción nas zonas de usos comúns.

O inmoble ten xa tamén Internet e as melloras continuarán nos próximos meses, incluíndo o acondicionamento do xardín e a parcela que rodea a edificación. “Esta reforma coincide coa renovación integral da casa da cultura, dúas instalacións que revitalizarán a vida social, cultural e asociativa de Antas de Ulla nos próximos anos”, engade García Porto.

0.2210419178009