‘Antes de Nós’ abre en Lugo un ciclo cinematográfico que levará a figura de Castelao por nove concellos

LugoXa
A directora Ángeles Huerta presentou a proxección en Lugo, que dará paso a unha xira por nove concellos da provincia impulsada pola Deputación
presentacion-película-Antes-de-Nos-Lugo
5 Nov 2025

O Pazo de San Marcos acolleu a inauguración do filme Antes de Nós, unha obra que se mergulla na dimensión máis persoal de Castelao, explorando aspectos como a súa vocación médica ou o impacto emocional que supuxo a perda do seu fillo.

A sesión contou coa presenza da directora da película, Ángeles Huerta, que compartiu co público os detalles dun proceso creativo no que, segundo explicou, o intenso traballo de preparación foi clave para facilitar a rodaxe.

O acto estivo presentado polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e pola deputada de Cultura, Iria Castro, quen destacaron o valor cultural dunha obra que achega unha perspectiva íntima e humanizadora da figura de Castelao.

Durante a súa intervención, Huerta salientou a destacada participación lucense no proxecto, facendo especial referencia ao chairego Xan Fórneas, encargado de dar vida a Castelao na pantalla. A cineasta tamén agradeceu a boa acollida que o filme tivo na cidade, onde permaneceu varias semanas na carteleira.

Ademais, Huerta puxo en valor o apoio das institucións públicas á creación audiovisual en galego, subliñando que estas colaboracións resultan fundamentais para seguir impulsando o cinema na nosa lingua.

Pola súa banda, Iria Castro subliñou que esta proxección serve como inicio dun ciclo que levará Antes de Nós a outras nove localidades da provincia, contribuíndo a ampliar a difusión da película e a promover o coñecemento da figura de Castelao.

A iniciativa da Vicepresidencia da Deputación permitirá que o filme chegue a Samos, Castroverde, Palas de Rei, Chantada, Quiroga, Pantón, Becerreá, Barreiros e Riotorto, reforzando así o compromiso institucional coa descentralización cultural e o apoio ao audiovisual galego.

⚙ Configurar cookies
0.072281122207642