Antonio Gato será o candidato do PSOE ás eleccións municipais de Monterroso
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores “un proxecto gañador” para Monterroso de cara ás vindeiras eleccións municipais, con Antonio Gato como candidato á Alcaldía. José Tomé subliñou que “Monterroso precisa e merece un goberno serio e responsable, que deixe atrás estes anos de desgoberno ó que levou a actual Alcaldesa e o PP gobernando xuntos, xa que foron incapaces de cumprir o que comprometeron e só responden a intereses particulares”.
Así o indicou o máximo responsable dos socialistas lucenses acompañado polo propio Antonio Gato, nun acto celebrado hoxe na sede provincial do PSdeG, onde estivo presente a Secretaria de Organización, Pilar García Porto, e o voceiro do PSdeG de Monterroso, Rafael García, que irá de número dous na candidatura.
José Tomé lembrou na súa intervención os obxectivos e as liñas de traballo “que temos marcados no Partido Socialista” para as eleccións municipais de maio do 2023. “Fai uns días avancei que queremos conseguir representación municipal nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías, sumar outras novas, manter e mellorar resultados nos concellos onde non gobernamos e asegurar a continuidade dun Goberno progresista presidido por socialistas na Deputación de Lugo”.
Neste sentido, incidiu, “hoxe damos o primeiro paso para acadar eses obxectivos, e damos este paso porque estamos convencidos de que é un paso de éxito. E que significa esta premisa? Pois que o PSOE preséntase como un partido serio e rigoroso para gobernar dende a Alcaldía. Monterroso precisa pasar páxina deste pesadelo no Concello”, asegurou.
O Secretario Xeral dos socialistas na provincia explicou que, diante deste panorama, “dende o PSOE, por responsabilidade política, queremos ofrecerlle aos veciños e veciñas de Monterroso un goberno de futuro, que resolva os seus problemas abrindo un camiño de esperanza para todos”, expuxo. “Por iso, e como máximo responsable dos socialistas lucenses, tratei de unir esforzos e conformar o mellor proxecto posible para Monterroso, un proxecto gañador, establecendo un diálogo aberto e sincero entre as dúas sensibilidades
do Partido, esquecendo posicionamentos persoais e, sobre todo mirando cara o futuro de Monterroso. Desta forma, quero agradecer publicamente a Antonio Gato e a Rafael García a súa predisposición ao entendemento”. “Gracias Rafa e gracias Gato, benvido á túa casa”, manifestou o Secretario Xeral.
José Tomé afirmou na súa intervención que o acordo “é para concorrer xuntos ás vindeiras eleccións municipais, onde presentamos a Antonio Gato, un gran candidato con moita experiencia e que xa non busca nada da política, só quere ser útil aos veciños de Monterroso”.
Sinalou ademais que o voceiro do PSdeG no Concello, Rafael García, “que vén facendo ao longo destes tempos unha gran labor política dende a oposición no Concello”, irá de número dous para reforzar esa candidatura.
“Polo tanto, como din os americanos, presentamos un ticket gañador. Monterroso vai a volver a ter un bo Alcalde e un moi bo goberno municipal”. E tamén se referiu á expectación e boa acollida que esta xerando a candidatura: “Percibimos unha ilusión colectiva nos veciños. Hoxe é un bo día para Monterroso, e estou seguro de que será unha garantía de éxito”.
Pola súa banda, Antonio Gato comezou a súa comparecencia agradecéndolle a José Tomé a “súa valentía política” por unha decisión coa que demostra “que entendeu o que necesita Monterroso, un instrumento para que os veciños, dende o punto institucional e político, estean en boa situación para que o noso concello siga progresando e non quede atrás”. “Agora mesmo Monterroso está parado e ten moita necesidade de recuperar o ritmo que levabamos, algo que os veciños atestiguan”.
“No que se refire á cuestión persoal, volvo á casa de sempre, á miña casa, e por esa razón estou moi ilusionado, moi aliviado e francamente con moitas gañas de volver a traballar nunhas condicións que estou seguro de que van ser favorables para Monterroso e para todos os veciños e veciñas do concello”, sinalou Gato.
O voceiro e secretario xeral do PSdeG en Monterroso destacou que “este acordo obedece a un entendemento entre dúas sensibilidades, deixando de lado os personalismos e colocando sempre a Monterroso por diante”. “O noso concello está inmerso nun letargo permanente no que nos meteu o actual goberno. Polo tanto, temos a enorme responsabilidade de ofrecer un proxecto de futuro con capacidade de ilusionar e colocar, ó mesmo tempo, a Monterroso na senda de progreso e de futuro. Hoxe é un bo día para Monterroso sen lugar a dúbidas”, asegurou Rafael García.