Antonio Gómez Caamaño puxo en valor as novas áreas de investigación sanitaria do HULA

LugoXa
O potencial investigador de Lugo constátase, sinalou Gómez Caamaño, "cos 40 ensaios clínicos que están a desenvolver na actualidade"
Inauguración-áreas-investigación-HULA
20 Dec 2024

Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade da Xunta, resaltou a relevancia de dotar o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) dunhas instalacións "á altura do compromiso deste centro e dos seus profesionais coa investigación sanitaria".

Xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, Caamaño visitou as novas áreas de investigación sanitaria nas que se procurarán solucións máis avanzadas e eficaces para mellorar a saúde dos pacientes.

O potencial investigador de Lugo constátase, sinalou Gómez Caamaño, "cos 40 ensaios clínicos que están a desenvolver na actualidade e que fan do HULA un espazo de referencia na investigación contra o cancro".

Así, comentou que a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos conta con 707 profesionais involucrados en actividades de investigación. Indicou tamén o conselleiro que é significativa a concesión ao HULA de financiamento por parte do Instituto de Saúde Carlos III para investigación clínica en dúas convocatorias, despois de competir con centros de todo o Sistema Nacional de Saúde.

A área sanitaria lucense e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis) investiron preto de 700.000 euros na creación dunha unidade de investigación clínica e novos espazos para a actividades investigadora do Fidis. "Isto permite habilitar un espazo de vangarda e dotalo con equipamento punteiro, ao servizo do progreso da ciencia da saúde".

Gómez Caamaño salientou o incremento de recursos que captan os servizos de oncoloxía, cardioloxía, pneumoloxía ou hematoloxía, que, a través do seu traballo transversal, constitúen o verdadeiro motor da investigación clínica de Lugo. Estas novas instalacións servirán para captar talento investigador, tanto en etapas predoutorais como posdoutorais.

Ademais, o conselleiro de Sanidade, acudiu á planta de pediatría para facer entrega de agasallos de Nadal a nenos e nenas ingresadas e no ao Hospital de Calde percorreu a exposición de obras artesanais elaboradas polos pacientes de psiquiatría no seu obradoiro terapéutico.

⚙ Configurar cookies
0.45361804962158