Antonio López despídese do Campus de Lugo cun balance centrado no relevo xeracional

LugoXa
O reitor da USC pecha o seu mandato no acto de San Tomé destacando o compromiso da Universidade con Lugo, o reforzo do persoal, a redefinición da oferta académica e o rigor financeiro nun escenario de investimento crecente
Antonio-López-despídese-do-Campus-de-Lugo
26 Jan 2026

O Campus de Lugo foi este luns 26 o escenario dunha despedida institucional con balance de mandato. No acto de San Tomé celebrado na Facultade de Humanidades, Antonio López Díaz puxo punto final á súa etapa como reitor da Universidade de Santiago de Compostela cun discurso no que repasou os principais eixos dun goberno marcado pola transformación estrutural da institución, a consolidación do proxecto investigador e a aposta polo campus lucense como peza clave do sistema universitario galego. A poucas semanas de abandonar o cargo, López quixo deixar unha mensaxe clara sobre a mesa: “o compromiso da Universidade con Lugo e coa súa provincia” segue sendo firme.

Un dos ámbitos nos que o reitor detivo con máis detalle foi o do profesorado, onde situou como prioridade o proceso de relevo xeracional. Desde 2019 creáronse na USC un total de 1.294 prazas docentes, das cales 291 corresponderon ao Campus de Lugo. Esta cifra representa o 22,5 % do total das prazas creadas, unha porcentaxe superior ao peso do alumnado lucense no conxunto da Universidade, que se sitúa arredor do 15 %. Antonio López explicou que ao longo de case oito anos de goberno se tivo moi presente a necesidade de anticiparse a un escenario de xubilacións masivas para garantir a continuidade e a estabilidade do cadro docente.

Nesta mesma estratexia insírese o proceso de estabilización do persoal de apoio á investigación, que se deu por concluído en 2024 coa dotación de 120 prazas, así como o acordo para establecer unha carreira investigadora, unha opción da que dispoñen moi poucas universidades en España. Estes avances forman parte, segundo sinalou, dunha aposta decidida pola estruturalización da investigación, unha actividade distintiva do perfil da USC. Só no último exercicio pechado, en 2024, a Universidade destinou a este ámbito 104 millóns de euros, captados tanto en convocatorias competitivas como a través de contratos con empresas. Ao mesmo tempo, no ámbito do Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos realizouse tamén un esforzo relevante para afrontar o relevo xeracional, cun total de 656 prazas entre acceso libre e promoción interna.

A evolución do alumnado foi outro dos indicadores nos que o reitor quixo poñer o foco. A pesar do contexto demográfico adverso, a USC mantivo unha tendencia crecente no número de estudantes. Entre 2018 e 2025, o alumnado de primeira matrícula incrementouse un 15 %, pasando de 4.173 a 4.836 estudantes no conxunto da Universidade. Neste crecemento, o Campus de Lugo desempeñou un papel determinante, xa que o número de estudantes de novo ingreso pasou de 621 en 2018 a 936 no actual curso académico. Antonio López vinculou este aumento á redefinición da oferta docente, unha tarefa que, segundo indicou, debe ser permanente non só polo seu efecto de atracción de alumnado, senón tamén pola necesidade de manter a función docente aliñada coas demandas dunha sociedade cada vez máis cambiante.

O reitor insistiu en que a aposta polo estudantado non pode limitarse a unha cuestión cuantitativa, aínda que esta teña unha incidencia directa no financiamento estrutural da Universidade. Para López, resulta imprescindible acompañar o crecemento con medidas que melloren a calidade e as condicións de vida. Neste sentido, lembrou que a USC destinou 700.000 euros á creación de bonos comedor, que permiten acceder a ata 80 menús nos comedores universitarios, e dos que se beneficiaron arredor de 1.300 estudantes. A estas medidas sumouse a creación e posterior reforzo do servizo de atención psicolóxica ao estudantado, unha ferramenta que, segundo recoñeceu, se está a revelar cada vez máis necesaria.

O balance de mandato incluíu tamén unha referencia expresa ao incremento dos fondos destinados á investigación, compatibilizado cunha política de rigor financeiro. Entre 2018 e 2024, os recursos destinados a este ámbito pasaron de 57 a 104 millóns de euros. Este crecemento produciuse ao tempo que se avanzou no cumprimento dos compromisos de amortización da débeda. Se a 31 de decembro de 2017 a débeda pendente da USC ascendía a 26,8 millóns de euros, a finais de 2024 situábase en 9,2 millóns. Segundo explicou o reitor, tras o refinanciamento acordado coa Xunta e coas entidades financeiras para completar o investimento necesario na Facultade de Farmacia, a débeda quedará reducida a cero no ano 2031.

No caso concreto de Lugo, Antonio López puxo en valor o recoñecemento de Campus Terra como campus de especialización no marco da convocatoria da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. A este fito sumouse a creación do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible, iTERRA, concibido desde unha visión integradora que conecta a saúde das persoas, dos animais e do planeta. O reitor lembrou tamén o nacemento da primeira cátedra UNESCO en Lugo, vinculada ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, así como o traballo desenvolvido por plataformas como PEMADE no ámbito da madeira estrutural ou pola Aula de Produtos Lácteos no sector alimentario. A todo iso engádese o papel de infraestruturas como o Hospital Veterinario Rof Codina, que acollen actividades universitarias de diversa natureza e contribúen a reforzar o carácter de Lugo como cidade universitaria, un proceso no que López salientou a importancia do apoio institucional.

No acto institucional estiveron presentes na mesa presidencial o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane; e a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo. A lección maxistral correu a cargo do catedrático de Filoloxía Inglesa Jesús Varela Zapata. Antonio López explicou que, aínda que por quenda correspondería celebrar o acto na Facultade de Formación do Profesorado, o feito de que esta fose protagonista do solemne acto de inicio do curso 2025-2026, coa lección impartida por Ramón Veiga Alonso, levou a modificar a orde en favor da Facultade de Humanidades. Deuse ademais a circunstancia de que Varela Zapata exerce a docencia en ambas facultades. A súa intervención centrouse no papel da lingua inglesa no mundo actual, no seu status como lingua global e en cuestións vinculadas ao legado cultural europeo e ao seu encaixe no contexto da globalización.

⚙ Configurar cookies
0.07901406288147