Antonio Rodil asume a presidencia da xestora do PP da Fonsagrada en substitución de Bernardo Niño

O Partido Popular da Fonsagrada renova a súa dirección local coa incorporación de Antonio Rodil como novo presidente da xestora, en substitución de Bernardo Niño, quen continuará como concelleiro e portavoz do Grupo Popular na corporación municipal. Con este cambio, o partido amplía o seu organigrama a nivel local co obxectivo de repartir funcións e reforzar o traballo en equipo.
Antonio Rodil, axente de seguros e exconcelleiro do PP en anteriores mandatos municipais, foi definido por Niño como “unha persoa leal e traballadora, que sempre estivo ao carón do Partido”. O novo presidente da xestora mostrou a súa disposición a afrontar esta nova responsabilidade “con ilusión, con vontade de axudar, colaborar e traballar pola Fonsagrada ante a situación de bloqueo que vive o concello baixo o actual goberno socialista”.
Bernardo Niño deu a benvida ao seu sucesor destacando que “súmase un membro máis ao equipo” e indicou que centrará os seus esforzos na portavocía municipal, defendendo tanto os intereses do Partido Popular como os da veciñanza da Fonsagrada.
Na reunión da dirección local tamén participou a presidenta provincial do PP, Elena Candia, quen destacou o compromiso de Rodil e agradeceu “o traballo e a dedicación de todos, tanto do portavoz e dos concelleiros como dos integrantes da xestora”. Candia subliñou, ademais, a vontade da organización de continuar traballando “desde a unidade e a responsabilidade”.