Anunciado un plan de mellora do parque Rosalía de Castro

LugoXa
O Concello de Lugo acometerá un plan de melloras e de acondicionamento intensivo no parque Rosalía de Castro.
miguel fernandez lara mendar parque rosalia
6 May 2021

O Concello de Lugo acometerá un plan de melloras e de acondicionamento intensivo no parque Rosalía de Castro, “unha zona verde emblemática da cidade, coa que os e as lucenses mantemos fortes lazos identitarios e afectivos, con vistas a que poida amosar a súa mellor imaxe cando estamos a punto de celebrar o seu centenario”,  sostivo hoxe a alcaldesa, Lara Méndez.  

A rexedora lucense, acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Miguel  Fernández, explicou os traballos que comezaron xa a desenvolverse e que continuarán durante este mes de xuño, “que intentaremos executar causando as menores molestias aos usuarios do parque, xa que son moitas as persoas as que se achegan ata aquí, especialmente os días de bo tempo”.  

O plan de actuación inclúe, entre outras actuacións destacadas pola alcaldesa, a recuperación do mobiliario urbano como os máis de 200 bancos de madeira, traballo que comezaron xa a realizar os traballadores do I plan municipal sociolaboral Muramiñae Rehabilita para colectivos vulnerables, o pintado dos 92 farois, a reposición  dos azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor  acondicionamento da área infantil.  

A estas actuacións súmanse as realizadas recentemente como a mellora e ampliación do parque infantil. As actuacións desenvolveranse de maneira conxunta entre a área de Medio Ambiente e a estratexia DUSI Muramiñae, ao incluír entre os seus obxectivos a posta en valor do  patrimonio municipal, entre o que se atopa o parque Rosalía de Castro, catalogado BIC (Ben de Interese Cultural).  

Lara Méndez anunciou tamén que se está a traballar na conmemoración do centenario da aprobación en Pleno da creación desta zona verde, en xullo do ano 1921 con Angel  López Pérez como alcalde. A rexedora lembrou que foi chamado oficiosamente Bella Vista polos paisaxes que desde el se divisan.  

A súa execución incluíase dentro do plan de hixienización da cidade e pretendía a  “construción dun amplo parque con tódalas comodidades e recreos desta clase de  paseos”. O lugar escollido para a súa construción foi o coñecido coma Bellavista no Garañón para o que se adquiren as primeiras parcelas, de 94.656 metros cadrados cun desembolso de 91.078 pesetas, que se foron logo ampliando.  

Foi, comentou a rexedora, “unha zona verde que foi pensada non para o ornato público e o goce da burguesía decimonónica, senón que tiña un fin social pois podería ser utilizado por todas as clases sociais e estaba pensado para que o gozasen persoas de todas as idades”.  

Lara Méndez avanzou que se está deseñando un programa destinado especialmente a  difundir entre a cidadanía a historia do parque e a súa riqueza patrimonial e natural, “que aínda é moi descoñecida. Queremos que os e as lucenses descubran todos os segredos desta zona emblemática, especialmente a xente máis moza porque estamos seguros de que o feito de coñecelo mellor suporá que entre todos poidamos coidalo e  respectalo como se merece”.  

Por iso, entre as actividades culturais programadas, destaca a edición dun libro, escrito  por un dos grandes historiadores de Lugo, Adolfo de Abel Vilela, un dos autores  ademais do Plan Director do parque xunto co arquitecto César Portela, así como unha exposición, entre outras accións.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19827198982239