Anuncian a adxudicación da redacción do proxecto que completará a autovía Nadela-Sarria
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a adxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará a autovía Nadela-Sarria, cunha primeira fase executada ao 75% para poñerse en servizo en outubro.
Vázquez Mourelle supervisou as obras desta primeira fase, cuxo avance permitirá que a Xunta abra en outubro ao tráfico esta infraestrutura que reforzará a seguridade viaria, a calidade de vida e a competitividade de Lugo, tras un investimento de 25 M€.
A intervención actúa concretamente nos 11,5 km que conectan A Pobra de San Xiao con Sarria centro, o treito que rexistra maior intensidade de tráfico. As obras supoñen a adaptación dos tres enlaces do treito, A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así como a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.
A conselleira destacou que esta autovía constitúe o maior investimento que está a executar actualmente a Xunta en materia de estradas. Puxo en valor o progreso ao ritmo fixado, a pesar da pandemia, da crise inédita de prezos e abastecemento de materiais, e do paro de transporte de mercadorías. Agradeceu o esforzo dos 50 traballadores que se atopan agora avanzando nestas obras, co emprego de 30 máquinas pesadas sobre o terreo, ademais de pequena maquinaria.
Detallou que está practicamente completado todo o traballo de preparación do terreo e de explanación, ademais de estar concluída ao 100% a ampliación das estruturas e executadas ao 75% as obras de drenaxe transversal.
Actualmente, os labores están centrados na extensión das diferentes capas de firme, tendo xa estendido o 75% da primeira delas, correspondente co solo cemento e estando previsto continuar coas seguintes durante os meses de agosto e de setembro.
A conselleira, ademais de corroborar a posta en marcha en outubro da 1ª fase da autovía, adiantou que a Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto do treito que completará a infraestrutura ata Lugo.
Sinalou que en agosto se formalizará o contrato e comezará a redacción do proxecto de trazado, do estudo de impacto ambiental e do proxecto construtivo para a construción da segunda fase da autovía, ao longo de 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.
Este traballo, adxudicado por case 270.000 €, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.
Fixo fincapé en que esta autovía é a mellor mostra de que a Xunta traballa pola vertebración e o equilibrio territorial, promovendo actuacións que garanten a conectividade e a igualdade de oportunidades para o interior de Galicia e o rural.
Lembrou que o Goberno galego xa investiu máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e que agora está a destinar outros 25 M€ á primeira fase do seu desdobramento.