Anuncian a reapertura do centro de saúde de Nadela logo das protestas

LugoXa
O centro de saúde de Nadela volverá a funcionar con consultadas tres días á semana catro horas ao día.
reunion arroxo vecinos nadela
24 Out 2023

O centro de saúde de Nadela volverá a funcionar con consultadas tres días á semana catro horas ao día. Así o confirmou o Sergas logo das protestas orixinadas na xornada de onte.

Segundo explicaron o centro abrirán a consulta catro horas, os luns, mércores e venres, e contará con servizo de enfermaría os cinco días en horario de 8.00 a 15.00 horas. Ademais o centro contará con atención especial en procesos crónicos e unha enfermeira especialista en medicina familiar.

Esta comunicación realizouse logo das manifestacións da Plataforma en Defensa da Sanidade e especialidades do Hula, que anunciou onte que "chegou de forma non oficial, información de que a Conselleria de Sanidade e o Sergas pretenden pechar ou recortar servizos no Centro de Saúde de Nadela (que prestou servizos tanto a Nadela como aos pobos limítrofes, atendido ata o de agora por Bernardino Pardo Teijeiro e un equipo de ATS, ata a súa xubilación)".

Na xornada de onte esta Plataforma fixo chegar ao conselleiro de Sanidade, a advertencia de que "baixo ningún concepto o imos a permitir", tomando as medidas para requirirlles para o mantemento deste centro nas mesmas condicións que tivo ata a data como mínimo, pero expoñendo ampliación de servizos e equipamento.

"Estamos fartos de ver sempre formulacións de recortes da Xunta de Galicia en Sanidade, Educación e servizos á 3ª idade (un claro exemplo, o avance dos orzamentos autonómicos cara a 2024)", engadían.

O colectivo amenazou con mobilizacións, "se é preciso ocupando centros de dirección e servizos non imprescindibles na área Sanitaria de Lugo con manifestacións e o que sexa preciso ata lograr o noso obxectivo".

BNG

O voceiro do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, achegouse ata Nadela onde mantivo unha xuntanza coas veciñas e veciños para coñecer a situación do centro de saúde. Arroxo lembrou que no verán a veciñanza denunciaba o peche do centro e que a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, “mais estamos a finais de outubro e a veciñanza de Nadela aínda non pode utilizar o seu centro de saúde habitual, tendo que ir a Fingoi algúns días da semana”.

O BNG defende que a decisión do goberno galego merma a calidade da atención primaria, e obriga á poboación, en moitos casos maior e con problemas de mobilidade, a desprazarse de maneira innecesaria.

“As veciñas e veciños continúan a temer o peche definitivo da instalación, unha perda de servizos para unha das zonas do rural de Lugo con máis poboación”, indicou Arroxo. O BNG reclama á Xunta que garanta a atención sanitaria no Centro de Saúde de Nadela á veciñanza das parroquias do sur de Lugo, cubrindo as distintas prazas libres no Centro de Saúde e garantindo a substitución do persoal durante as vacacións.

PSOE

O concelleiro e deputado socialista Miguel Fernández lamentou hoxe que a Consellería de Sanidade decidira reducir as prestacións coas que manterá aberto o centro de saúde de Nadela que, finalmente, só disporá de facultativo tres días á semana cando antes da xubilación do titular da praza, no mes de abril, o consultorio tiña médico de luns a venres.

Fernández reprocha que o Sergas “disfrace este recorte anunciando unha nova unidade de atención protocolizada dos procesos crónicos, tratando de confundir á veciñanza nun intento de xustificar a merma paulatina do equipamento sanitario, que foi minguando a tal velocidade que durante o verán xa non prestou ningún tipo de servizo e agora se limitará a atender ás e aos pacientes en días alternos, obrigando á poboación que ten o seu cupo nestas instalacións a desprazarse a outros centros do municipio para ser atendido no resto das xornadas”.

Para Miguel Fernández “a sucesión de peches de centros de primaria, especialmente no rural, que afectan a todas as provincias son un indicador da errática xestión que fai a Xunta dos recursos existentes e que mantén numerosas prazas de facultativos de diferentes especialidades sen cubrir, mermando a calidade dun servizo tan esencial como é o da saúde. Polo que esiximos ao Executivo galego que restableza o servizo no centro médico de Nadela nas mesmas condicións que tiña a principios de ano”, instou o concelleiro.

0.21695494651794