Anuncian axudas para a internacionalización das empresas vinculadas ao polo aeroespacial de Rozas

TerraChaXa | LugoXa
A nova licitación por 40M€ para atraer entre catro e oito novos socios permitirá ás pemes incorporarse ás cadeas de valor de grandes empresas.
proba voo rozas
10 Xul 2021

A nova licitación por 40 millóns de euros para atraer entre catro e oito novos socios estratéxicos e tecnolóxicos permitirá ás pemes galegas incorporarse ás cadeas de valor de grandes empresas tractoras.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia 2025, a Xunta inclúe axudas para a internacionalización das empresas galegas vinculadas a este sector industrial. Anunciou este novo compromiso do Goberno galego durante a visita ao aeródromo de Rozas, na que presenciou as demostracións aéreas que se celebraron dentro da programación de Unvex’21, o maior evento de vehículos aéreos non tripulados en España que por primeira vez se celebra en Galicia.

Conde tamén lembrou que será ao longo deste mes de xullo cando se faga pública a licitación para os novos socios estratéxicos e tecnolóxicos que queiran participar no Polo Aeroespacial, cun orzamento inicial de 40M€ a través dos que se prevé asinar entre catro e oitos acordos de asociación. Entre as novidades destaca o obxectivo de atraer outros fondos públicos para o desenvolvemento de proxectos de I+D e que se porá o foco na xeración de pegada industrial para que as pemes poidan incorporarse ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras.

Ademais, no marco do Polo Aeroespacial 2025, introduciranse mecanismos para facilitar o desenvolvemento industrial e a comercialización internacional de produtos e tecnoloxías desenvolvidas polo sector aeroespacial de Galicia. Así, crearase un marco de axudas para a internacionalización das empresas galegas deste ámbito que incluirán financiamento para exportacións, misións comerciais, atracción de investimento e creación de novos mercados.

“A Xunta vai seguir traballando para que o aeronáutico siga sendo un sector de oportunidades e tamén para atraer fondos europeos vinculados aos Next Generation para que Galicia siga sendo un referente neste eido e se sitúe á vangarda”, explicou o vicepresidente económico.

Conde puxo en valor os resultados obtidos no Polo Aeroespacial de Galicia desde a súa posta en marcha, grazas á colaboración público-privada e a través dun instrumento como a compra pública innovadora. Así, neste período mobilizáronse 164M€, executáronse 59 proxectos de I+D, participaron 50 empresas e centros galegos de I+D e obtivéronse 655 resultados dos que 62 están no mercado. Ademais, o Polo estase consolidando como parque industrial e tecnolóxico e proximamente contará cun entorno de simulación grazas á colaboración do Centro para el desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI).

Unha mostra deste traballo púidose coñecer na xornada de hoxe que acolleu demostracións de empresas que colaboran no Polo Aeroespacial de Galicia. En concreto de Indra –con Mantis EQF para misións de intelixencia, vixilancia, adquisición de obxectivos e recoñecementos e o Targus, o maior dron non tripulado de uso civil de España–, Gradiant –co sistema C-UAV para a protección de persoas e infraestruturas das ameazas fronte actividades ilegais dos drons–; Sistem –co sistema Fulmar View que xa conseguiu os primeiros contratos para o control do tráfico–; Aerocámaras –con Aerohyb Hexa, de uso na industria, agricultura, enerxías, rescate e emerxencias, así como no sector audiovisual–; e UAV Work –que está desenvolvendo, no marco da BFAero, avións de despegue vertical para patrullaxe ou transporte de pequenas mercadorías–.

0.041760921478271