Anuncian dúas novas exposicións de arte galega para o Vello Cárcere

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a chegada de dúas novas exposicións ao Centro Cultural O Vello Cárcere, que estarán abertas ao público durante os meses de verán. As mostras, a cargo dos artistas Javier Bello e Xosé Couso, ofrecen dúas visións complementarias da arte galega contemporánea, a través da escultura, a pintura e a experimentación plástica.
A primeira exposición, asinada por Javier Bello (A Coruña, 1970), escultor, escenógrafo e artista visual, presenta unha coidada selección de obras que dialogan coa natureza, a memoria e a identidade do rural galego. Esculturas e pinturas configuran un universo íntimo e simbólico, onde o territorio cobra presenza como espazo emocional e físico.
A segunda exposición leva a sinatura de Xosé Couso (Marín, 1955), quen retoma a súa actividade artística tras unha vida dedicada ao mar. Cunha traxectoria que se iniciou na mocidade entre exposicións e cancións como cantautor, Couso mergúllase agora na abstracción contemporánea. Acrílicos, texturas, volumes e formas xeométricas convértense na base dun traballo vibrante, cheo de cor e liberdade expresiva, que reflicte unha etapa de plenitude creativa.
Maite Ferreiro destacou a importancia destas mostras no contexto cultural lucense, pois “con estas exposicións achegamos á cidadanía propostas moi distintas pero profundamente galegas. Javier Bello ofrece unha obra conectada coa terra e a memoria, mentres que Xosé Couso trae a forza dunha segunda vida creativa que nace do mar e da curiosidade. O Vello Cárcere continúa a ser un espazo onde a arte vive, emociona e dialoga coa veciñanza”, insistiu a concelleira.
As mostras enmárcanse na programación cultural de verán da Tenencia de Alcaldía e reafirman o compromiso da Área de Cultura coa promoción da arte galega de vangarda. Poderán visitarse de balde no horario habitual do Centro Cultural O Vello Cárcere.