Anuncian o plan de tráfico para a VI Carreira En Marcha contra o Cancro en Lugo

LugoXa
Os cortes comezarán a partir das 12:00 horas do sábado para permitir a montaxe da infraestrutura na Avenida Ramón Ferreiro
lugo_en_marcha_polo_cancro_2023
11 Apr 2025

O edil responsable da área de Infraestruturas Urbanas no Concello de Lugo, Alexandre Penas, anunciou o plan de tráfico que se aplicará o próximo sábado 12 de abril co motivo da celebración da VI Carreira En Marcha contra o Cancro, unha xornada deportiva que contará con diversas probas en favor da AECC.

A proba, que reúne corredores de todas as idades e que tamén está aberta á veciñanza no seu formato "andaiana", esixirá realizar cortes de tráfico en varios puntos da cidade para garantir a seguridade dos participantes e da organización.

O edil detallou que, con suficiente antelación, se instalarán valos e sinais circunstanciais para informar á cidadanía sobre as modificacións no tráfico, asegurando así a seguridade dos participantes e usuarios das vías afectadas. Os cortes comezarán a partir das 12:00 horas do sábado para permitir a montaxe da infraestrutura na Avenida Ramón Ferreiro, tramo que se abrirá novamente ao tráfico unha vez finalice a recollida, prevista para as 23:00 horas. No resto de puntos afectados pola proba, a circulación será restablecida progresivamente entre as 19:50 e as 20:05 horas.

O plan de tráfico organizarase de acordo coas diferentes categorías da carreira. As probas infantís requerirán a restrición da circulación na Avenida Ramón Ferreiro, entre a Rúa Celso Emilio Ferreiro e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez, de 18:45 a 20:30 horas. A proba 5K provocará cortes de tráfico entre as 19:15 e as 20:30 horas, afectando as seguintes rúas: Avenida Ramón Ferreiro (ata a Rúa Marina Española), Avenida Rodríguez Mourelo, Avenida Doutor García Portela, Praza Avilés, Rúa Puro Cora, Rúa Avelino Pousa Antelo, Rúa Isaac Díaz Pardo e Rúa Pascual Veiga.

Por outra banda, a andaina, que comezará ás 18:00 horas, terá un percorrido que partirá desde a Praza Horta do Seminario, continuará polo tramo peonil da Muralla, subirá ao adarve e rematará novamente na Praza Horta do Seminario, polo que non serán necesarios cortes adicionais na circulación.

Para garantir a seguridade dos participantes, tamén se procederá a liberar prazas de aparcamento na Avenida Ramón Ferreiro (de 10:00 a 23:00 horas) e na Avenida Rodríguez Mourelo (de 16:00 a 20:30 horas). A sinalización correspondente será colocada con polo menos 24 horas de antelación para facilitar o cumprimento das restricións.

Alexandre Penas expresou o seu agradecemento á veciñanza de Lugo e a todos os servizos municipais implicados na organización deste evento deportivo, destacando "a boa disposición da cidadanía sempre que se celebran probas deportivas para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da proba".

⚙ Configurar cookies
0.12911605834961