Apagón en Lugo contra o cambio climático
O Concello de Lugo sumarase mañá á vintena de Administracións públicas que secundarán, a través do compromiso adquirido pola área de Benestar Social, o apagón convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema #OnlyOneEarth.
A partir das 23 horas, a Casa Consistorial e o exterior da pasarela Tanxurela suspenderán a súa iluminación para concienciar sobre o consumo de enerxía, ao abeiro do proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos Gobernos locais na loita contra o cambio climático.
Un xesto que se suma ao resto de iniciativas que desenvolve o Executivo de Lara Méndez, en consonancia co modelo de cidade que está a impulsar dentro da segunda gran transformación do municipio, e que concorda coas medidas de tipo urbanístico, ambiental, social e de economía circular que a rexedora está a poñer en marcha para pular polo crecemento da cidade de xeito sostible e responsable co coidado do planeta .