Aparecen novos restos arqueolóxicos na rúa Montevideo

LugoXa
Por isto, desde o Concello de Lugo din que "este suceso require agora axustar o ritmo dos traballos para garantir a súa correcta documentación e conservación"
obras-do-centro-histórico-Corazón-Verde-de-Lugo
2 May 2025

Aparecen novos restos arqueolóxicos na rúa Montevideo, á altura da súa confluencia coa rúa Nova, descubertos durante os traballos de peonalización que se executan no marco do proxecto ‘Lugo Corazón Verde’.

O achado produciuse durante a apertura dun novo treito de beirarrúa e obriga agora a adaptar os traballos neste punto concreto, sen afectar ao avance xeral da actuación.

O arqueólogo da empresa concesionaria confirmou que estes elementos están relacionados cos xa documentados semanas atrás na parte central da calzada, onde se localizaran fornos, pezas cerámicas e cimentacións que poderían formar parte dun complexo fabril da época romana.

Por isto, desde o Concello de Lugo din que "este suceso require agora axustar o ritmo dos traballos para garantir a súa correcta documentación e conservación, conforme aos protocolos establecidos en materia de patrimonio".

Así, a intervención realizarase en coordinación coa dirección arqueolóxica da obra e coas administracións competentes nesta materia. A intervención limitarase a este treito puntual, polo que a práctica totalidade da rúa Montevideo estará dispoñible para a cidadanía o 15 de maio, tal e como estaba previsto.

Neste punto concreto, os traballos adaptaranse ás esixencias do achado arqueolóxico, de maneira que se poida inventariar e protexer correctamente, sen que iso impida que a actuación quede completamente finalizada antes de que remate o mes.

⚙ Configurar cookies
0.19004487991333