Apelan á responsabilidade en Portomarín polo preocupante aumento de positivos
O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, vén de facer un chamamento aos veciños e veciñas para pedirlles "responsabilidade" ante o "preocupante empeoramento" da situación epidemiolóxica ocasionada pola covid-19 no municipio.
O rexedor popular explica que "segundo os datos de rastrexo poderían ser moitos os contactos directos coas persoas afectadas" e por iso asegura que, como o seu deber, "non vou permitir ningunha alteración ou incumprimento das medidas citadas polas autoridades sanitarias, xa que é polo ben de todos os veciños e veciñas, especialmente daqueles grupos máis vulnerables e de maior factor de risco, como os maiores". Neste senso, asegurou que o Concello remitirá á Subdelegación do Goberno "unha petición expresa desta alcaldía para que, por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado se realice un control estricto" do cumprimento das medidas sanitarias, "e se é o caso, procedan a realizar a correspondente denuncia, a cal se tramitará polo Concello dentro do convenio asinado coa Fegamp", conclúe.
No bando municipal, Juan Serrano lembra tamén que se pecharon todos os servizos municipais non esenciais, como a Casa do Maior, a Casa do Neno ou o Servizo de Atención Temperá, e que se está a reforzar "a desinfección diaria en lugares e espazos de pública concorrencia".
Sí permanecen abertas as dependencias administrativas do Concello de Portomarín, en horario de 9.00 a 14.00 horas, pero unicamente a efectos de rexistro de entrada de documentos. As persoas interesadas poden ser atendidas telefónicamente chamando ao 982.545.070.