Apicultores denuncian en Lugo e Ourense que o mel importado afunde o sector galego

GaliciaXa | LugoXa | OurenseXa
O colectivo alerta do impacto do acordo UE-Mercosur e do aumento do denominado “fraude do mel”, que vende mesturas estranxeiras como produto europeo
concentración-mel-Sindicato-Labrego-Galego-Lugo
3 Mar 2026

Apicultoras e apicultores de Galicia concentráronse diante da sede da Xunta de Galicia en Lugo e ante o centro comercial Centro Comercial Ponte Vella en Ourense baixo os lemas ‘O mel importado arruína as nosas vidas’ e ‘Comercio xusto e de proximidade xa’.

As mobilizacións foron convocadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, a Asociación Apícola Abellas Nais, a Asociación de Apicultura Serra da Carba, a Asociación de Persoas Consumidoras ACUGA e a Agrupación Apícola de Galicia co obxectivo de informar á cidadanía sobre as consecuencias das importacións masivas de mel e do coñecido como “fraude do mel”, unha situación que, segundo advertiron, se agravará coa aplicación do novo tratado UE-Mercosur.

Desde a concentración de Lugo, Brais Álvarez, apicultor e secretario de Acción Sindical do SLG, explicou que a protesta pretende visibilizar como se introduce no mercado mel importado en grandes cantidades que acaba comercializándose como se fose de orixe europea. Segundo denunciou, esta práctica está a provocar a perda de propiedades do produto e a deixar ás produtoras e produtores galegos nunha situación límite, con moitas explotacións abocadas ao peche a curto prazo.

Álvarez subliñou que actualmente non existe unha lei da cadea alimentaria que garanta prezos xustos para cubrir os custos de produción nin políticas europeas que impulsen realmente o comercio de proximidade. Asegurou que as grandes distribuidoras están a traer a Galicia máis mel do que se produce aquí para vendelo tanto no territorio galego como noutros puntos de Europa, cun prezo ata un 60% inferior aos custos das explotacións locais. Mentres o mel galego permanece almacenado sen saída comercial, favorécense acordos como o da UE-Mercosur, que ao seu xuízo consolidará e dará cobertura legal a prácticas que consideran fraudulentas.

Os datos que manexa o sector indican que o 51 % dos meles analizados nas fronteiras do Estado español pola Unión Europea presentaron indicios de fraude. Detectáronse produtos diluídos con xaropes de frutosa, sometidos a procesos de ultrafiltrado mediante resinas de intercambio iónico ou con etiquetaxes que falseaban a súa orixe. Ademais, arredor do 80 % do mel que se vende ao por menor na Unión Europea corresponde a mesturas, empregándose boa parte do mel importado para ese fin. A situación podería intensificarse coa entrada en vigor do tratado UE-Mercosur, que contempla a exportación anual de 45.000 toneladas de mel desde os países do bloque sen aranceis, detrás do que, segundo denunciaron, se agochan prezos moi baixos nas grandes superficies.

En Galicia prodúcense unhas 3.000 toneladas anuais, unha parte relevante baixo o selo da IXP Mel de Galicia, mentres que no conxunto do Estado español a produción acada as 33.000 toneladas ao ano, unha cifra que, segundo estiman, permitiría cubrir o consumo interno. Porén, a industria importa mel de máis de 40 países a un prezo medio de 1,80 euros o quilo, mentres que unha persoa produtora galega non pode elaboralo por menos de 5 euros o quilo. Para o colectivo, esta diferenza non responde a unha competencia equilibrada, senón a prácticas de dumping que empurran os prezos á baixa e arruinan tanto ás abelleiras galegas como ás doutros territorios.

Os datos de consumo tampouco avalan a estratexia dos prezos baixos. En 2024 o mel foi máis barato e, con todo, o consumo reduciuse nun 8% respecto ao ano anterior. Para as organizacións convocantes, encher os estantes con mesturas de baixo custo non beneficia á clientela e só precariza a quen produce. Fronte a este escenario, defenderon a compra de mel de proximidade e de comercio xusto, que garante unha orixe coñecida, contribúe ao sostemento do medio rural e á vida nas aldeas, favorece a polinización e o coidado do medio natural e reduce as emisións de CO2, tendo en conta que o mel importado percorre de media 4.000 quilómetros antes de chegar ao punto de venda.

0.158282995224