Apoio unánime do Pleno municipal ás reclamacións do persoal da limpeza

LugoXa
A concelleira do BNG, Cristina López, defendeu no pleno municipal unha proposta reclamando á patronal do sector da limpeza o avance das negociacións para chegar a un novo convenio colectivo xusto no sector.
folga limpeza pleno lugo
30 Nov 2023

A concelleira do BNG, Cristina López, defendeu no pleno municipal unha proposta reclamando á patronal do sector da limpeza o avance das negociacións para chegar a un novo convenio colectivo xusto no sector. Cristina López afirmou que as reclamacións das traballadoras “buscan mellorar as condicións de vida das traballadoras da limpeza, un sector amplamente feminizado e precarizado”.

O sector demanda un convenio colectivo digno, ante a oferta presentada pola patronal, que suporía deixar as traballadoras na total precariedade. Na actualidade, as traballadoras levan cos soldos conxelados dende o ano 2021, cando venceu o convenio, e que hai categorías que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional. Ao pleno achegáronse as traballadoras do sector, que levan en folga desde o pasado 16 de outubro

A limpeza é un servizo esencial, tal e como quedou demostrado durante a pandemia e como se está a evidenciar na folga indefinida que as traballadoras e traballadores iniciaron o pasado luns. Nesta situación, as traballadoras e traballadores do sector levan en Folga Indefinida desde o pasado 16 de outubro para reivindicar a sinatura dun convenio colectivo digno que garanta como mínimo superar o SMI e que garanta manter o poder adquisitivo en base a unha cláusula de revisión salarial.

PONTE PEDREDA

O tenente de alcalde de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, anunciou no Pleno que o Concello de Lugo xa está traballando na redacción do proxecto para restituír a ponte da vía que une as parroquias de Pedreda e Rubiás, ao entrar en vigor os cambios normativos que recolle o Plan Hidrolóxico que así o permiten.

A intervención sufragarase con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial.

Tamén foron aprobadas por unanimidade dúas propostas máis do PSOE. Nunha delas pedíase instar á Consellería de Cultura a revisar o decreto que establece o número de alumnado mínimo por grao universitario para que poda adecuarse á realidade do campus Terra.

Así mesmo, o Goberno local recibiu o visto bo do Pleno para pedir modificacións nas normativas para establecer o mecanismo que permita a profesionais da avogacía e a procuradoría recuperar as súas achegas ás mutualidades privadas.

0.18969297409058