Aprevar celebra a súa xuntanza anual reforzando a formación no sector da automoción

A Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios de Lugo (Aprevar) celebrou a súa xuntanza anual, a entidade que leva case 50 anos representando e defendendo os intereses dos empresarios do sector da automoción na provincia de Lugo.
Durante o acto, o presidente da Deputación, Rivera Capón, salientou a estreita colaboración coa entidade e recordou que “achegamos 40.000 euros para a compra das instalacións da asociación, de máis de 2.500 metros cadrados e situadas na Campiña, onde dispoñen de aulas, talleres e salón de actos, entre outros espazos”.
Tamén estivo presente a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, representando á Xunta, que financiou con 434.000 euros nove cursos promovidos por Aprevar nos últimos meses, dirixidos preferentemente a persoas desempregadas. Actualmente está en marcha un curso sobre Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos e nos próximos días dará comezo outro sobre mantemento de carrocerías, cun total de 15 alumnos en cada caso.
A Xunta está a impulsar tamén as ensinanzas regradas nesta materia a través da Formación Profesional, en moitos casos coa participación dos propios talleres para a instrución práctica. O obxectivo é ofrecer formación de calidade aos profesionais dun sector que se caracteriza pola constante innovación tecnolóxica.