Aprobada a cesión de terreos á USC para construír Maxisterio no Campus de Lugo

LugoXa
A Deputación aproba a cesión gratuíta á USC dos terreos necesarios para construír no Campus aFacultade de Formación do Profesorado
Sinatura convenio USC   arquivo
10 Xuño 2022

A Deputación vén de aprobar a cesión, de balde, á Universidade de Santiago (USC) dos terreos necesarios para construír a Facultade de Formación do Profesorado na zona do Campus de Lugo.

Así, segundo anunciou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, a institución acordou a concesión demanial gratuíta ata o ano 2058 do uso de 16 parcelas cunha superficie total de case 7.500 metros cadrados a favor da USC para ampliar o Campus e trasladar ao mesmo a Facultade de Formación do Profesorado, que actualmente está situada na Avenida Ramón Ferreiro e onde o inmoble resulta limitado para acoller esta actividade docente. Os terreos cedidos localízanse ao carón da Facultade de Humanidades.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou elevar ao Pleno a aprobación dunha proposta para ampliar tamén ata o ano 2058 a cesión da Deputación á Universidade de Santiago doutras 8 parcelas cunha superficie conxunta de 200.570 metros cadrados, que ocupan facultades, centros de investigación e outros servizos educativos do Campus.

En concreto, son os terreos ocupados pola Escola Politécnica Superior e a súa ampliación; polo edificio CACTUS; polo complexo docente que abrangue Relacións Laborais, Enfermería e Humanidades; a superficie que ocupa a Facultade de ADE; a do IBADER; e tamén as que compoñen a Biblioteca e a Carballeira, a Facultade de Veterinaria, CEBIOVET, o Rof Codina, a Vagoada e o Anfiteatro, a ocupada por Raiolas, polo Quiosco de Augas Férreas, polo INSERSO para o Centro de Atención Especializada e polo Centro San Vicente de Paul.

Coa cesión á USC de todas estas parcelas, “dende a Deputación de Lugo renovamos o noso compromiso co Campus de Lugo. Un compromiso que vén dende a súa creación, e que ano a ano, vamos consolidando e mesmo reforzando, como é o caso do acordo que adoptamos hoxe para facilitar á Universidade de maneira gratuíta os terreos necesarios para construír a Facultade de Formación do Profesorado”.

0.17032289505005