Aprobada a moción do BNG para crear o Gran Parque Central de Lugo na Estación de Autobuses

O pleno do Concello de Lugo do mes de febreiro aprobou a moción presentada polo BNG, que instará á Xunta de Galicia a crear un gran parque central no espazo que actualmente ocupa a estación de autobuses.
Rubén Arroxo, portavoz do BNG, destacou que esta iniciativa permitirá a creación dun parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, que integrará os xardíns da Praza da Constitución e conectará a zona coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere.
"Este proxecto supón unha transformación radical para Lugo, creando un gran pulmón verde no centro histórico e ao pé da Muralla", afirmou Arroxo, facendo fincapé na importancia de recuperar o espazo para os cidadáns.
A proposta tamén inclúe a creación dun paso soterrado para vehículos que conecte a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez, co obxectivo de eliminar o tráfico rodado na zona e mellorar a mobilidade.
Así mesmo, o BNG propón habilitar unha parada para as liñas de transporte interurbano que queiran realizar unha parada nesta nova zona verde, mentres que o resto do espazo será destinado ao gran parque central, como o que definiron como "unha nova praza verde integrada no casco histórico".
A moción foi aprobada malia a abstención do grupo municipal do Partido Popular, e Rubén Arroxo subliñou que a proposta reclama á Xunta que elabore este proxecto de xeito que busque o consenso social e político.
APROBADO O NOMEAMENTO DE DOUS FILLOS ADOPTIVOS
Pola súa parte, o pleno da Corporación Municipal de Lugo aprobou a consideración de Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega como Fillos Adoptivos de Lugo. A de Rafael de Vega foi aprobada por unanimidade, mentres que a de Xesús Alonso Montero foi aprobada cos votos a favor do PSOE e PP e os votos en contra do BNG.
Esta situación levou a que a voceira popular, Elena Candia, afeara a postura da alcaldesa “pola súa falta de liderado e de consenso con respecto a esta cuestión” lamentando que o “nomeamento mudo destes persoeiros” xa que Paula Alvarellos non permitiu que se debatise este punto no pleno “co ánimo de que non quedasen en evidencia a división co seu socio de goberno”.
Elena Candia tamén afeou ao BNG porque non foi capaz de aparcar o seu radicalismo no nomeamento de Alonso Montero como fillo adoptivo.
REXEITADAS AS MOCIÓNS DO PP DE LUGO
Durante o pleno, o Partido Popular de Lugo presentou catro iniciativas que foron rexeitadas polo resto dos grupos políticos.
Estas eran a petición dun plan Integral para mellorar a xestión do ciclo da auga en Lugo e evitar fugas, cortes e a falta de servizo no rural; unha ordenanza para garantir o acceso xusto e transparente aos locais sociais rurais municipais; unha proposta de humanización do tramo da vía que pasa por Nadela; e os populares tamén pediron unanimidade do Pleno para que o Goberno do Estado cumpra a súa obriga de cofinanciar o 50% da Dependencia e salde a débeda de 2.500 millóns de euros con Galicia.
Todas elas foron debatidas en pleno e rexeitadas, polo que os populares saen decepcionados e sostendo que "o Goberno local de Lugo está instalado nun NON, aínda que a cidade saia perdendo".
Ademais, tamén se rexeitou a petición popular na que pedían a comparecencia de Paula Alvarellos para que explicara a situación das Caldas do Miño, "unha infraestrutura que pechou por altos niveis de lexionela e que estivo aberta durante 19 meses sen alta na auga quente nin un plan de prevención", sostiñan.
APROBADAS AS INICIATIVAS SOCIALISTAS
A proposición conxunta dos grupos municipais do PSOE e BNG para dar traslado ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, a proposta do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, de nomear á Ponte das Saamasas como Ponte Tomás Notario Vacas foi aprobada cos votos en contra do Partido Popular.
Pola súa parte, tamén foi aprobada a proposición dos socialistas para respaldar ás veciñanzas de Outeiro e Santa María Alta en defensa da súa calidade de vida pola posible afectación por mor da granxa porcina que se proxecta no lugar de Retorta, na parroquia de Vilalvite, no veciño municipio de Friol.