Aprobada a obra para a recuperación do río Rato a través de Tragsa

LugoXa
Neste espazo que quedou danado pola borrasca Oliver a institución provincial investirá máis de 175.000 euros
problemas-río-Rato
1 Jun 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o encargo á empresa pública Tragsa, medio propio da institución provincial, a execución dos traballos para a recuperación do paseo do Río Rato tras os danos provocados pola borrasca Oliver. Así o informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, detallando que o orzamento para estas actuacións é de 175.286,07 euros con cargo ao fondo de continxencia que ten a institución provincial para este tipo de emerxencias no Orzamento deste 2025.

“Tal e como o anunciou onte o presidente da Deputación, damos este último paso administrativo para que os traballos poidan comezar o antes posible”, informou García Porto. O prazo de execución das obras é dun máximo de 3 meses, “polo que se todo avanza segundo o previsto, en setembro este espazo volverá estar á disposición da veciñanza”, valorou a Deputada. “Estamos a actuar coa máxima dilixencia posible porque somos plenamente conscientes de que este é un espazo público cunha gran importancia ambiental, educativa e social para a veciñanza”, valorou.

Nese sentido, explicou que “debido á natureza das obras e á urxencia das mesmas, decidimos encargar estes traballos á empresa pública Tragsa, ao tempo que detallou que as actuacións previstas centraranse en recuperar os firmes estruturais danados nos camiños; retirar os restos acumulados na ponte de Cestería e nas pontes de madeira arrastradas pola corrente; repoñer as cinco pasarelas de madeira ao longo do percorrido e tamén a senda pivotada que conecta o Paseo do Rato coa área verde da Tolda de Castela; e a reconstrución de escolleras empregando técnicas de bioenxeñería.

⚙ Configurar cookies
0.13522696495056