Aprobada a redacción do proxecto para construír o polígono da Fonsagrada
A Deputación de Lugo aprobou sacar a contratación a redacción do proxecto das obras de construción do polígono da Fonsagrada cun orzamento de 35.750 euros e un prazo de execución de 4 meses, unha vez iniciadas as tarefas. Así o anunciou a voceira socialista, Pilar García Porto, tras a Xunta de Goberno celebrada este venres no pazo de San Marcos. A deputada destacou que “a institución provincial non puido ser máis áxil neste proceso” porque nunha semana aprobou e asinou o convenio co Concello para financiar os traballos, e licitou o contrato.
García Porto lembrou que o pasado luns, o primeiro día hábil despois da aprobación do convenio, o presidente e o alcalde da Fonsagrada asinaban xa o convenio “e hoxe aprobamos sacar a contratación a redacción do proxecto”. Isto dá mostra “do noso compromiso de máxima colaboración cos concellos da provincia para sacar adiante servizos e infraestruturas necesarias para a veciñanza e o tecido produtivo, como é o caso do polígono industrial da Fonsagrada”.
Lembrou a voceira socialista que a maiores da achega de 35.750 euros para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000 euros para acometer as obras do parque empresarial da Fonsagrada, e cumprir así cunha demanda histórica do Concello, da veciñanza e do tecido produtivo do municipio.
“Sen o apoio económico da Deputación de Lugo, como ocorre con tantos outros servizos e infraestruturas da provincia, A Fonsagrada non podería contar cun parque empresarial”, insistiu a voceira, que na liña do que explicou o presidente esta semana, abundou en que se trata dunha “dotación imprescindible, coa que cremos que debe contar A Fonsagrada como concello e como cabeceira de comarca, para reforzar o seu papel como polo de desenvolvemento económico, social e laboral, capaz de xerar un efecto multiplicador na zona”.