Aprobada no Pleno de Lugo a moción en defensa da independencia da Escola de Enfermaría

LugoXa
O PP logra o apoio para a bonificación do IBI, a actualización da ordenanza ambiental municipal de 1995 e para que Lugo sexa a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública
pleno concello de lugo
31 Jul 2025

O Pleno do Concello de Lugo aprobou hoxe a proposta presentada polo grupo municipal socialista en defensa da independencia da Escola de Enfermaría da cidade. A moción saíu adiante coa maioría do Pleno, malia a abstención do grupo municipal do Partido Popular, "que decidiu non apoiar unha iniciativa que reclama á Xunta de Galicia e á Universidade de Santiago de Compostela o compromiso firme coa autonomía da escola e coa súa continuidade como centro docente plenamente funcional na cidade", explican desde o grupo de Goberno.

Durante a defensa da proposta, a concelleira socialista Olga López Racamonde afeou a actitude do PP local, que “unha vez máis se pon de lado e prefire mostrar o seu apoio á Xunta de Galicia antes que á cidadanía lucense”. A portavoz municipal lamentou que os populares “sexan incapaces de defender un recurso educativo esencial para Lugo, mesmo cando está en xogo o futuro da formación en enfermaría e o acceso de centos de mozos e mozas a estudos superiores no ámbito sanitario”.

A moción aprobada insta a garantir a continuidade da Escola de Enfermaría de Lugo como centro independente e con identidade propia, con capacidade para adaptarse á realidade sanitaria e social da provincia. Ademais, solicita que se dean os pasos necesarios para a súa futura conversión nunha facultade autónoma dentro do sistema universitario galego.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que “garantir o futuro da Escola de Enfermaría e avanzar cara á súa independencia é unha prioridade para este Goberno. Queremos consolidar a formación sanitaria en Lugo cunha oferta educativa de calidade, adaptada á realidade do noso territorio, e cunha estrutura autónoma que permita mellorar a súa capacidade docente e investigadora”.

“Temos moi claro que a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo ten que manter a súa autonomía. Convertela nunha sección da Facultade de Enfermaría de Santiago debilitaría o noso campus e poría en risco o futuro desta escola. Ademais, suporía perda de peso para Lugo e afastaría a formación da realidade sanitaria e tamén social non só da cidade, senón de toda a provincia. Temos solicitadas reunións cos conselleiros de Sanidade e Educación pero fixeron caso omiso da nosa demanda. Poideos avanzar únicamente con reitor da USC, pero seguiremos insisitindo”, insistiu.

“Imos liderar esta reivindicación defendendo unha escola con alto niveis educativos que leva décadas formando profesionais sanitarios e que é clave para o sistema público de saúde na provincia. Porque defender a nosa escola é defender a cidade, é defender a universidade e é defender o noso campus”, apuntou.

TRES MOCIÓNS DO PP

O Grupo Municipal Popular conseguiu que o pleno aprobase por unanimidade tres iniciativas que cualificaban "de grande impacto para os lucenses".

Por unha banda, aprobouse a proposta para bonificar o IBI e eliminar a plusvalía aos propietarios de terreos afectados polo cambio de cualificación urbanística nas áreas de expansión, que están a pagar como solo urbano sen poder construír. "Unha medida de xustiza que corrixe unha situación inxusta para moitas familias. Cando o PSOE e o BNG rectifican, acertan", dixo Candia.

Así mesmo, lograron tamén o respaldo unánime para protexer os núcleos de poboación de instalacións industriais de produción enerxética mediante a actualización da ordenanza ambiental municipal de 1995, "que permanecía esquecida nun caixón". Segundo explicaron, "o obxectivo é garantir distancias mínimas entre instalacións e vivendas, ofrecendo seguridade xurídica e tranquilidade aos veciños, no exercicio das competencias municipais en materia de medio ambiente".

O terceiro acordo que o Partido Popular conseguiu sacar adiante é a petición para que o Concello impulse a candidatura para Lugo sede da Axencia Estatal de Saúde Pública para situar a cidade "como referente nacional en políticas de saúde pública".

"Lugo ten potencial para ser sede da nova Axencia Estatal de Saúde Pública xa que contamos con recursos clave como o Laboratorio Central de Saúde Pública e o Centro Integral da Residencia", explicou Candia.

⚙ Configurar cookies
0.17384505271912