Aprobada unha moción do BNG de Monterroso para iniciar o proceso de municipalización do servizo de axuda no fogar
O BNG de Monterroso solicitou, no último pleno celebrado o pasado xoves día 25 de xaneiro que o Goberno municipal comezara os pasos para que o SAF sexa un servizo municipal. O primeiro paso para esa municipalización é a creación dunha comisión de estudo.
“Dende o BNG defendemos a xestión pública da Administración dos seus servizos como a formula que mellor garante o seu funcionamento con criterios de calidade e interese publico” expuxo Brais Vázquez, concelleiro en Monterroso. En consecuencia, presentamos no pleno unha moción para a recuperación da xestión directa do servizo de axuda no fogar.
O contrato con esta empresa vence proximamente (maio – xuño) por iso a corporación municipal ten que comezar os trámites para a municipalización do servizo.
Brais Vázquez “en Monterroso temos constancia de continuadas queixas sobre a xestión da empresa concesionaria tanto por parte de usuarios como de traballadores, iso pasa por unha mala fiscalización por parte do equipo de goberno”.
Coa aprobación desta moción comezase o proceso de municipalización do servizo de axuda no fogar, cuxo primeiro paso é a creación dunha comisión de estudo composta polos membros da corporación municipal e por persoal técnico.
“o dereito a unha vellez digna pasa por garantir que nos facemos vellas nas nosas casas contando co apoio e cos servizos que precisamos para gozar da máxima calidade de vida e benestar social así como por dignificar o traballo de coidados con condicións laborais dignas” concluíu Vázquez.