Aprobadas as bases reguladoras das subvencións dirixidas a clubs e entidades deportivas de Lugo
Aprobadas as bases reguladoras das subvencións dirixidas a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro do Concello de Lugo que fomentan o deporte e a actividade física en Lugo, por un importe total de 321.000 euros.
“O obxectivo desta iniciativa é promocionar o labor destes colectivos que va moito máis aló dun traballo estrictamente deportivo, senón que tamén fan un gran labor social”, destacou o edil Jorge Bustos.
Entre as principais novidades destacan a subvención de ata o 100 % dos gastos de persoal, como nóminas, IRPF ou cotizacións á Seguridade Social, e o financiamento dun máximo do 20 % de gastos indirectos necesarios para o funcionamento das entidades, como luz, alugueiros ou servizos de xestoría. Ademais, establécese o pagamento anticipado do 50 % das axudas concedidas, sen necesidade de solicitude previa nin garantías adicionais.
“Estas novidades permitirán que os clubs e asociacións teñan acceso ás axudas con maior axilidade e que dispoñan dos recursos necesarios para seguir realizando un labor fundamental no fomento do deporte e dos hábitos saudables na nosa cidade”, explicou o concelleiro Jorge Bustos.
Bustos destacou tamén o compromiso do Concello para atender as demandas do tecido asociativo e eliminar barreiras administrativas que poidan dificultar o seu traballo. “Sabemos que a práctica deportiva non só é esencial para o desenvolvemento físico, senón tamén unha ferramenta de integración e cohesión social. Queremos que cada colectivo teña ao seu alcance os medios para seguir medrando e fortalecendo o tecido asociativo deportivo”, engadiu o edil.
As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes no prazo de 10 días hábiles dende a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, de maneira telemática a través da sede electrónica do Concello ou en calquera rexistro oficial.
Na concesión das axudas teranse en conta criterios como o número de deportistas federados, a participación en competicións de nivel galego ou nacional, a organización de eventos deportivos e o uso das instalacións municipais.
“Con este impulso damos un paso máis para garantir a estabilidade e continuidade do deporte lucense, apoiando non só aos clubs establecidos, senón tamén ás novas disciplinas que están a emerxer”, concluíu Bustos.
CRÍTICAS DO PP
Os populares critican que "a tan só 15 días de rematar o ano, o Concello de Lugo segue sen publicar as bases subvencións de libre concorrencia destinadas a proxectos de cooperación e benestar social, mentres aproban ás présas as bases para as axudas ás entidades deportivas".
Esta situación, din, "xera unha enorme incerteza a clubs e entidades, que descoñecen que fondos van recibir para os proxectos que están desenvolvendo e para os que adiantan o diñeiro".
Así, comentan que "a xestión deficiente abarca tamén as subvencións nominativas, tal e como comprobamos no pleno de novembro, onde se tivo que aprobar unha modificación de crédito de 650.000 euros para facer fronte aos pagos comprometidos para diferentes entidades".
O Grupo Municipal do Partido Popular considera "inadmisible esta situación, xa que estamos a falar de achegas económicas fundamentais para entidades que deben presentar proxectos concretos e prever un orzamento para o seu desenvolvemento. A demora na convocatoria deixa ás entidades sociais e deportivas nunha situación de incerteza, sen coñecer os fondos dos que disporán para impulsar programas esenciais o que lles obriga a adiantar os fondos sen saber que porcentaje de axuda van recibir", conclúen.