Aprobadas as obras do Parque Central de Galicia por 1,3 millóns de euros

LugoXa
Aprobada en Xunta de Goberno las obras de construcción del Parque Central de Galicia por 1,3 millones de euros.
José Tomé supervisa as obras do Parque Central de Galicia
11 Mar 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación por un importe de 1,3 millóns de euros as obras de construción do Parque Central de Galicia, o proxecto “que estamos impulsando a Deputación de Lugo para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo estableceu o Instituto Xeográfico Nacional”.

“As actuacións que aprobamos adxudicar inclúen a colocación dun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial que dá acceso ó Parque, e o acondicionamento dunha praza e a colocación dun monolito xusto nas coordenadas que indican o centro xeográfico de Galicia”, subliñou a tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Detallou que ao lado dereito do monolito, haberá un templete -unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre-, e ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras.

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, a Deputación dotará o Parque Central dun parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades, e tamén haberá dúas fontes. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación do alumeado do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira, e bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

Unha vez adxudicadas as obras, o inicio das mesmas dependerá agora da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla lle conceda á Deputación a licencia necesaria. Cando comecen os traballos, o prazo de execución será de 5 meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo.

“Con estas actuacións quedará completada a creación do Parque Central de Galicia porque, despois de adquirir as parcelas e de presentar o proxecto a toda a sociedade da provincia nun acto público, a Deputación comezou en abril do ano pasado cos traballos de acondicionamento dos terreos e, nestes momentos, estamos ultimando as obras de creación dunha zona de estacionamento e de mellora viaria do acceso a este espazo”, indicou Pilar García Porto.

A Deputada subliñou que “o Parque Central de Galicia é un proxecto de provincia, un compromiso do Presidente, que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor, e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.

0.22150111198425