Aprobadas tres novas intervencións de renovación de alumeado público en Lugo
O edil de infraestruturas urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o goberno de Lugo vén de aprobar tres novas intervencións que permitirán avanzar na renovación da rede de alumeado público da cidade. “Continuamos a traballar para contar cun alumeado público máis eficiente que permita eliminar os elementos contaminantes presentes nas luminarias máis antigas e mellorando a capacidade lumínica da instalación”, explicou Penas.
As tres actuacións estarán distribuídas ao longo da cidade, executándose na Avenida das Américas, Pomar e Ameneiro; na rúa Perpetuo socorro, Río Avia, Rio Támoga e Río Cabe; e en Monte Faro e Illas Canarias. Cada unha das intervencións permitirá un aforro de aproximadamente o 40% do consumo eléctrico en cada zona, e investiranse en total preto de 500.000 euros.
Na avenida das Américas, e nas rúas Pomar e Ameneiro, reducirase o consumo eléctrico en 2.932W ao ano, o que suporá deixar de emitir 4.7Tn de CO2 á atmosfera. A actuación ten un prazo de execución de 14 semanas e un orzamento de 221.602 euros.
A actuación de Perpetuo Socorro, Río Avia, Río Támoga e Río Cabe consistirá en eliminar luminarias de vapor de sodio de 150W por luminarias LED, cun investimento de 69.438 que suporá un aforro de 850W no consumo xeral da instalación. Ademais, soterraranse as liñas eléctricas correspondentes á instalación do alumeado público.
A última actuación, que se executará nas rúas Monte Faro e Illas Canarias, suporá unha redución anual no consumo eléctrico de 3835W, o que supón unha redución de 6.5Tn nas emisións. En total instalaranse 55 luminarias de 85W, cun orzamento de 182.785 euros.