Aprobado inicialmente o Plan Básico Municipal de Guntín

LugoXa
Aprobado o Plan Básico Municipal (PBM) de Guntín, unha ferramenta urbanística que pretende impulsar unha ordenación responsable.
plan basico municipal guntin
7 Xul 2023

A Xunta avanza no seu obxectivo de que ningún concello galego estea sen planeamento urbanístico coa aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) de Guntín, unha ferramenta urbanística que pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes para garantir un territorio ordenado.

Logo de indicar que tras este trámite o seguinte paso será iniciar o procedemento de información pública e solicitar todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que os PBM son un aliciente para concellos rurais que, como é o caso de Guntín, se caracterizan por posuír un valioso patrimonio natural e cultural, e, ademais serven para impulsar un novo rural con actividades agrarias, gandeiras, forestais, tecnolóxicas, turísticas, culturais, etc.

As, tal e como explicou Ángeles Vázquez durante a sinatura desta aprobación inicial, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javer Arias, no caso concreto de Guntín, este PBM delimita 1 ámbito de solo urbano consolidado e 129 núcleos rurais.

Ademais, esta ferramenta urbanística tamén cataloga un total de 239 elementos do patrimonio natural e cultural do municipio -111 arqueolóxicos, 77 arquitectónicos, 38 etnolóxicos e 13 Bens de Interese Cultural-.

Ángeles Vázquez incidiu en que o obxectivo xeral destes plans básicos municipais é acadar un uso racional do territorio e a protección dos seus valores naturais e patrimoniais. Trátase, polo tanto, “dun documento moi respectuoso” e dunha ferramenta necesaria para os veciños que viven en Guntín e para quen queira investir neste municipio ao garantir o desenvolvemento dun urbanismo responsable.

Na actualidade, catro concellos galegos xa contan cun Plan Básico Municipal logo da aprobación dos de Riotorto, Trabada, Ribeira de Piquín e O Páramo. Segundo explicou a vicepresidenta segunda, na actualidade a Xunta está a traballar noutros 20 PBM, dos que 6 se atopan na última fase de tramitación -fase na que está Guntín-, 8 están en avaliación ambiental e 6 están elaborando a cartografía necesaria.

0.22203803062439