Aprobado o convenio para abrir os aparcadoiros dos institutos de Ramón Ferreiro fóra do horario lectivo

LugoXa
O alcalde de Lugo sinala que a Xunta non ten agora escusa para manter pechados uns espazos que considera clave para aliviar a falta de estacionamento na zona
sinatura-A-Xunta-Local-de-Seguridade-Concello-de-Lugo
18 Jul 2025

O Concello de Lugo e a Subdelegación do Goberno confirmaron este xoves a aprobación do convenio que permitirá abrir ao público, fóra do horario lectivo, os aparcadoiros dos institutos de Ramón Ferreiro.

Así se decidiu nunha nova sesión da Xunta Local de Seguridade, presidida polo alcalde Miguel Fernández e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O acordo foi posible tras unha reunión interadministrativa celebrada o pasado mes de abril entre Concello, Xunta, Deputación e Administración Xeral do Estado, na que se pactaron os termos para permitir á Policía Local actuar nos aparcadoiros de titularidade autonómica e provincial.

O acordo chega logo de meses de xestións impulsadas polo Goberno local, que levaba anos reclamando á Xunta de Galicia a dispoñibilidade destes espazos para mitigar a alta presión de estacionamento que soporta a zona. Segundo indicou Miguel Fernández, trátase "dun avance necesario que chega tarde por culpa da falta de vontade política da Xunta". O rexedor afirmou que "non existía ningunha razón técnica nin legal para manter pechados estes espazos durante tanto tempo" e lamentou que a Administración autonómica demorase a súa apertura pese a contar desde abril cun marco legal claro para facelo.

O convenio obtivo o visto e prace da Policía Local e das forzas de seguridade do Estado, que xa consideraban suficiente un modelo único de acordo para todas as administracións implicadas. Porén, a Xunta solicitou asinar un convenio específico, o que obrigou a celebrar esta nova Xunta Local de Seguridade para formalizalo.

Mentres, desde a Xunta sosteñen que reclamaba dende o primeiro momento a apertura destes espazos coa seguridade xurídica necesaria, posibilitando que a Policía Local poida intervir nestes espazos de titularidade municipal para realizar accións en materia de tráfico e seguridade viaria.

Fernández criticou tamén o retraso nos traballos de adecuación mínima dos aparcadoiros, que dependen directamente da Xunta, e advertiu que “se mañá mesmo non están abertos, será unha proba evidente da súa falta de vontade política para dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Lugo”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Goberno galego prevé rematar “nos vindeiros días” os traballos que está realizando para acondicionar os aparcadoiros, coa sinalización das prazas, a colocación de cartelería e a instalación de barreiras nos accesos, “co fin de dotar de maior comodidade aos usuarios, habilitando a entrada e a saída ao aparcadoiro por lugares diferentes”.

O alcalde agradeceu o compromiso da Subdelegación do Goberno e insistiu en que o Concello permanecerá vixiante para garantir que o acordo se execute sen novas demoras. Recordou ademais que "resulta pouco operativo ter que asinar un único convenio coa Xunta, cando co resto de administracións xa existía un marco xeral". Como exemplo, puxo o caso do CIS, que funciona xa como aparcadoiro sen necesidade dun acordo separado, ao contrario do que acontece cos institutos de Ramón Ferreiro.

⚙ Configurar cookies
0.073857069015503