Aprobado o Plan de Acción da Axenda Urbana 2030, que permitirá a Lugo optar con máis forza aos fondos europeos de recuperación

LugoXa
O executivo de Lara Méndez acordou hoxe en Xunta de Goberno extraordinaria a aprobación do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030,
FOTO DE ARQUIVO.  A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a firma do protocolo de colaboración da Axenda Urbana (1)
9 sep 2022

O executivo de Lara Méndez acordou hoxe en Xunta de Goberno extraordinaria a aprobación do Plan de Acción da Axenda Urbana Lugo, Cidade Viva 2030, que recolle os documentos estratéxicos e os proxectos de cidade aliñados cos dez obxectivos que establece a Axenda Urbana española e europea para os vindeiros anos. “Este plan permitirá que Lugo presente con máis forza as súas convocatorias aos fondos europeos de recuperación xa que é un punto de partida indispensable para optar a eles”, destacou a alcaldesa.

O plan é un documento xenérico sobre estratexias de Lugo, pero que incorpora liñas específicas con proxectos xa en marcha e con actuacións previstas, para as que xa se pediron fondos europeos. A rexedora explicou que “se trata do documento que servirá de base para o desenvolvemento de actuacións enfocadas na consecución dunha cidade cada día máis saudable, equitativa, sostible, inclusiva e co impulso suficiente para crear oportunidades laborais para a cidadanía, polo tanto, unha valiosa ferramenta para mellorar a calidade de vida dos e das lucenses”. A alcaldesa matizou que “este Plan de Acción non é un documento pechado, senón que progresivamente se irán incorporando novas liñas de accóns con ideas, propostas e contribucións dos cidadáns”.

Este Plan de Acción é froito do proceso de participación cidadá impulsado pola alcaldesa dende comezos de verán. Así, durante os últimos meses celebraronse encontros xuvenís, con mozos e mozas da cidade, dos que xurdiu o grupo impulsor do futuro Consello da Mocidade; así como mesas de traballo con funcionarios municipais. Ademais, lanzouse unha enquisa na que todos os cidadáns puideron achegar o seu coñecemento, experiencia e ideas ao deseño do futuro da cidade.

“Foron procesos participativos aos que lle daremos continuidade buscando involucrar á veciñanza no proceso de construción do Lugo dos vindeiros anos, e que dará continuidade a estratexia que deseñamos e puxemos en marcha hai xa sete anos, coa sostibilidade como eixo transversal”, lembrou Méndez.

Lugo Cidade Verde

A alcaldesa de Lugo, participaba este mércores no acto de sinatura dos protocolos de actuación da Axenda Urbana española que tivo lugar na sede do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, en Madrid, e que estivo presidido pola titular do departamento, a ministra Raquel Sánchez. Lara Méndez asinou, deste xeito, o protocolo para a implementación do Plan de Acción da Axenda Urbana 2030 de Lugo, baixo o paraugas da marca “Lugo Cidade Verde” que foi seleccionado para o seu desenvolvemento polos fondos Next Generation.

0.19918203353882