Aprobado o proceso de licitación do contrato de mantemento das caldeiras dos edificios municipais

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, informou sobre os asuntos aprobados na Xunta de Goberno relacionados coa área de Mobilidade e Infraestruturas, destacando o avance no proxecto de renovación do Carril das Flores, coa adxudicación da obra de remodelación da rúa. “Isto súmase ao proxecto que aprobabamos a semana pasada, a demolición e execución dunha nova pasarela para Carril das Flores”, lembrou Arroxo, precisando que a actuación adxudicada hoxe abrangue a rúa entre rúa Primavera e a pasarela.
A obra incluirá a renovación de todos os suministros, como abastecemento, saneamento e rede eléctrica, e a creación dun novo concepto peonil con acceso para residentes e zonas de cargas e descargas. A nova rúa contará cunha franxa axardinada e pavimento pétreo. A empresa adxudicataria foi Construcciones Sanle, que tamén executará a obra da pasarela, cun custe de 668.850,05 euros. Os traballos terán un prazo de execución de 10 meses, coa previsión de iniciar a obra o antes posible e que ambas fases avancen de forma conxunta.
Ademais, a Tenencia de Alcaldía aprobou a apertura do proceso de licitación do contrato de mantemento das caldeiras dos edificios municipais, renovando o contrato por un ano con posibilidade de prórroga ata un máximo de tres. O prezo de saída da licitación é de 74.000 euros, IVE incluído, e o Concello valorará tamén que a empresa adxudicataria pertenza á rede técnica oficial de fabricantes de caldeiras. Arroxo explicou que este contrato garante que, especialmente durante o inverno, as caldeiras funcionen correctamente e permite que calquera reparación se realice coa maior rapidez posible, mantendo o confort e a seguridade nas instalacións municipais.