Aprobado o proxecto de parcelación que permitirá a regularización definitiva das vivendas da Croa

LugoXa
O proxecto de parcelación dos bens municipais da Croa será aprobado despois de varias décadas paralizado para regularizar as vivendas
Vivenda A croa Lugo
7 Mar 2023

O proxecto de parcelación dos bens municipais dos que o Concello dispón na Croa, un procedemento que ten por obxectivo poder entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas desta urbanización as escrituras das mesmas, será aprobado despois de varias décadas paralizado.

Varias edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos foron xa demolidas, reurbanizouse a zona e elaborouse o proxecto de reparcelamento dos terreos, “cómpre agora autorizar esa documentación en Xunta de Goberno e darlle traslado da mesma ao Rexistro da Propiedade para que poida realizar as comprobacións oportunas e verificar a transposición correcta dos predios antes de darlle o visto bo definitivo para rexistrar as parcelas resultantes a nome da Administración local e será entón cando, a todos os efectos, poidan ser obxecto de transmisión aos seus titulares derradeiros”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa lembrou que a Institución municipal realizou no anterior exercicio un investimento de 36.728 euros para eliminar unhas pequenas construcións sen uso e crear unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais que mellorarán a contorna e propiciarán o seu uso por parte da cidadanía.

Traballos que sucederon a outras tarefas previas e necesarias como a elaboración dun estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da extensión afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa.

O núcleo residencial de A Croa tivo a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do Partido Popular no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para erradicar o chabolismo. Foi nese momento cando se asinou unacordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

0.20142722129822