Aprobado un novo proceso de licitación para a cafetería do Parque de Rosalía de Castro
O Concello de Lugo vén de declarar deserto o anterior procedemento para licitar a xestión da cafetería do Parque de Rosalía de Castro e de iniciar, automaticamente, un novo proceso, logo de adecuar os pregos ás necesidades actuais do sector.
A tenenta de alcaldesa e responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá sacar de novo a concurso a explotación do servizo por un período de dous anos, prorrogable durante 8 anos máis, até os 10, mantendo o canon nos 1.500 euros ao mes (18.000 € anuais).
“Respectamos, deste xeito, o mesmo importe que xa figuraba nas bases de 2012 co obxectivo de facilitar a concorrencia de ofertas e sendo conscientes da realidade tan complexa que atravesamos dende hai tres anos e que está a condicionar o emprendemento”, referiu a edil que aludiu aos principais cambios introducidos nos pregos: a redución non só da duración do contrato senón tamén dos horarios de apertura do establecemento.
“A man de obra cualificada leva tempo sendo un hándicap para este sector e dende o Concello quixemos flexibilizar as condicións, rebaixando as esixencias en materia de horarios, apostando pola mellora e a estabilidade do persoal que poderá ser inferior en número pero gañará, sen dúbida, en calidade de traballo e, polo tanto, repercutirá tamén de xeito positivo no servizo”.
Alvarellos Fondo avanzou, así mesmo, que neste tempo no que as instalacións estiveron pechadas o Concello aproveitou para facer algunhas melloras no inmoble como a reparación do tellado ou o acondicionamento dos baños que se completarán nos vindeiros días co repintado interior da cafetería, “coa vontade de que luza como nova en canto volva abrir as súas portas”.
A tenenta de alcaldesa incidiu, unha vez máis, no valor engadido co que conta o local. “Falamos dun negocio que se atopa nun enclave senlleiro da cidade, próximo ao centro histórico, rodeado de centros educativos e doutro tipo de dependencias públicas que garanten a dinamización da zona e que favorecen a súa viabilidade económica”, apuntou a concelleira.
Antes de rematar, Paula Alvarellos lamentou as críticas efectuadas onte pola oposición, coas que cría desvelar que a explotación do Mirador do Parque de Rosalía volvera quedar deserta e cualificounas de “como mínimo desacertadas, en tanto o único que deixan entrever é a ausencia de traballo pola súa parte que, á vista está, se limita a ler o enunciado dos asuntos que entran na orde do día da Xunta de Goberno – sen entrar máis a fondo - e para iso non todos, senón xa terían advertido que o asunto seguinte nesa relación era a licitación automática do novo procedemento”.
Para o Partido Popular deixar deserto este concurso público é “un novo fracaso da xestión de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo”. Mar Carballas recorda que no Concello de Lugo seguen pechadas as catro cafeterías municipais que hai (Vello Cárcere, parque Rosalía de Castro e as dos centros sociais de Fingoi e A Milagrosa) “un rotundo fracaso que Lara Méndez empéñase en aumentar ao ter previsto gastar 479.000€ de fondos europeos en facer unha nova cafetería municipal na Fábrica da Luz".
A concelleira popular sinala que os problemas cas cafeterías municipais nacen "dunha mala planificación". "A realidade é que hai moitos hostaleiros interesados na xestión destas cafeterías, pero os concursos quedan desertos porque as esixencias do goberno local sempre están fóra das necesidades do mercado" declara a popular quen reclama "unha nova licitación de todas as cafeterías municipais cunhas condicións realistas e adaptadas ao sector hostaleiro de forma que permita un interese real por parte dos hostaleiros”.