Aproban a memoria do proxecto para a creación do Centro de Maiores de Becerreá

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou a importancia deste acordo, destacando que se trata dun "paso necesario e obrigatorio para poder abrir o centro"
residencia-de-maiores-Becerreá
25 Feb 2025

A Deputación de Lugo vén de aprobar inicialmente a memoria do proxecto para a creación do Centro de Maiores de Becerreá, que inclúe os aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros necesarios para a súa implementación.

Ademais, tamén se aprobou a ordenanza de acceso ao servizo de atención residencial e diúrna, xunto cos regulamentos internos do centro; con votos a favor do PSdeG e BNG, e a abstención do Partido Popular.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou a importancia deste acordo, destacando que se trata dun "paso necesario e obrigatorio para poder abrir o centro". Tomé tamén criticou as actuacións doutras administracións, asegurando que "mentres outros seguen facendo feiras, nós seguimos dando pasos responsables para poñer en servizo esta residencia o antes posible".

Pablo Rivera Capón, deputado de Promoción Económica e Social, detallou que este avance é o resultado do traballo da Comisión de Estudo da Deputación, que elaborou un informe de case 300 páxinas que define o modelo de xestión que garantirá a viabilidade e a calidade do servizo.

Rivera Capón lamentou a abstención do Partido Popular, cualificándoa como un exemplo de "nulo compromiso coas residencias" e criticou a falta de coherencia do PP, que apoiou a creación da Comisión de Estudo e logo non respaldou este paso adiante.

O deputado tamén rexeitou a "inacción doutras administracións implicadas", como a Xunta de Galicia, que, segundo el, non aportou financiamento para a posta en marcha deste centro. "A Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso co benestar social e coas persoas maiores da provincia", engadiu.

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, explicou que “se trata dunha saída adoptada unicamente para abrir a residencia de Becerreá, un proxecto herdado da xestión do Partido Popular e do alcalde de Becerreá Francisco Martínez que reventaron o modelo de centros de atencion a maiores sostibles da Deputación cun macroedificio, inasumible para unha Deputación do tamaño da de Lugo, sen o apoio da Xunta de Galicia”.

Nese sentido, o responsable provincial remarcou que "o propio informe explica que se trata dunha solución forzada pola falta de apoio da Xunta de Galiza, que non aportou un só euro para a construción ou o mantemento deste residencia, nin de ningunha outra da rede provincial".

Tamén subliñou que o acordo acadado co PSOE para a aprobacion desta proposta blinda o modelo público de residencia da Deputación de Lugo de cara ao futuro.

O PP denuncia a falta de data para a licitación da residencia

O voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, criticou que PSOE e BNG non puxeran data á licitación do servizo da residencia de Becerreá nin explicaran por que o custo para os usuarios será un 60 % máis alto que noutros centros da rede provincial. Segundo o PP, mentres noutras residencias o prezo é de 1.390 euros ao mes, en Becerreá ascenderá a 2.200 euros.

Os populares tamén denunciaron que a xestión do centro se entregará a unha empresa privada baixo un sistema de concesión sen canon, o que permitirá beneficios anuais de ata 357.000 euros e un volume de negocio de case 78 millóns de euros en 25 anos. Ademais, criticaron que o mobiliario e equipamento do centro correrán a cargo da empresa adxudicataria e non da Deputación, a pesar de que esta defendía dispor de fondos suficientes.

Ameijide cualificou o modelo de PSOE e BNG de "100% privatizador" e acusou ao presidente da Deputación, José Tomé, de impulsar un "pelotazo residencial".

Ademais, esixiu unha data concreta para a licitación e a posta en marcha do centro, advertindo que calquera demora suporía unha "broma de mal gusto" para a comarca e para as 116 persoas en lista de espera.

⚙ Configurar cookies
0.22382783889771