Aproban as bases para rexenerar 57 vivendas no centro de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo dá luz verde a un investimento de 850.986 euros articulado a través dos Fondos Next Generation
muralla-de-lugo
26 Xuño 2024

O Concello de Lugo dá luz verde a un investimento de 850.986 euros articulado a través dos Fondos Next Generation e aprobará as bases reguladoras das subvencións do Programa de Rehabilitación no Centro Histórico da cidade, ao abeiro das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Dita área tamén adquire a denominación de Contorna Residencial de Rehabilitación Programada: “ERRP do Casco Histórico de Lugo – Fase XVII”.

A través desta convocatoria, que como ata o de agora se xestionará dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), o Goberno local propiciará a rexeneración dun total de 57 vivendas no recinto amurallado e a súa zona de influencia, área coincidente coa delimitada polo PEPRI do casco histórico. Esta iniciativa ten por obxectivo “rexenerar parte do parque inmobiliario da nosa zona histórica na liña da recuperación urbanística, residencial, patrimonial e comercial que estamos a efectuar no centro da cidade e cuxo impacto será máis evidente cando conclúan tamén as tres obras de peonalización proxectadas na contorna e que xa se atopan en curso”, sinalou a rexedora.

Poderán optar a esta subvención aquelas persoas ou entidades propietarias de inmobles dentro da contorna do centro. Así, poden optar ás axudas, tanto persoas propietarias como usufrutuarias individuais que demostren ser titulares dunha vivenda ou edificio unifamiliar como comunidades de persoas propietarias (propiedade horizontal), persoas propietarias agrupadas que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código Civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal, comunidades de bens, persoas xurídicas de natureza privada e outros casos.

Igualmente poderán optar ás axudas as sociedades cooperativas formadas por propietarios ou en réxime de cesión de uso. A Fase XVII do Plan de Rehabilitación do recinto amurallado mobilizará en total preto de 1,6 millóns de euros, 850.000 de financiamento público e 724.000 de achegas particulares. Con estas achegas, estímase que 35 vivendas reducirán entre o 30 % e o 45 % o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución entre o 45 % e o 60 % e 10 inmobles chegarán a unha redución do seu consumo enerxético superior ao 60 %.

Os criterios de avaliación baséanse nunha gradación de puntuacións en función, por unha banda, do tipo de obra a realizar (podéndose acadar maior puntuación na solicitude en función do aforro enerxético previsto tras a actuación), por outra, en función da catalogación establecida para o inmoble ou edificación dentro do PEPRI e por último, en función da composición do edificio, e dicir, en función do número de vivendas existentes no mesmo.

0.17614793777466