Apróbase a licitación do contrato de rehabilitación integral da cuberta do Pazo dos Deportes

LugoXa
A intervención proposta consistirá en aplicar unha membrana impermeabilizante de poliurea sobre a cuberta existente
Pazo-dos-Deportes-Lugo
26 Dec 2024

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, anunciou a licitación do contrato de rehabilitación integral da cuberta do Pazo dos Deportes, cun importe de 845.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobará o expediente de contratación, procedemento de adxudicación, prego de cláusulas administrativas e proxecto técnico para licitar a obra, que impermeabilizará a cuberta e dará unha solución definitiva ás filtracións que afectan á instalación.

A intervención proposta consistirá en aplicar unha membrana impermeabilizante de poliurea sobre a cuberta existente, o que supón actuar sobre os 8.500 metros cadrados de superficie que suman as cubertas inclinadas e planas. Previamente, realizarase unha limpeza, recolocación e selado de das chapas e paneis que conforman a envolvente.

Tamén se actuará sobre a instalación de evacuación de augas pluviais impermeabilizando as canles e renovando os entronques coas baixantes. Ademais incrementarase o número de baixantes e de aliviadoiros.

POSTA EN VALOR DA ACTUACIÓN

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou que “se trata dunha actuación integral en toda a cuberta, incluídas as terrazas e os canlóns, coa que se resolverán os problemas de filtracións que afectan á instalación e corrixirán algúns defectos iniciais” .

O responsable provincial explicou “que despois de varios meses de barallando posibilidades co persoal técnico da Deputación, se optou por esta fórmula que ofrece garantías e que se axusta a un dos condicionantes máis importantes do edificio, que é a capacidade de carga da malla espacial que soporta a estrutura, que é limitada”.

Neste sentido, adiantou tamén que “a execución dos traballos é compatible co uso habitual do Pazo polo que non alterará os adestramentos nin as competicións, algo moi relevante pola importancia das instalacións para Breogán e Ensino”.

En relación cos prazos de execución, avanzou que “o procedemento de licitación se fai pola vía de urxencia, coa previsión de que as obras estean rematadas antes de que comece a vindeira temporada”.

Tras a aprobación do expediente de contratación pola Xunta de Goberno, o contrato publicarase no Perfil do Contratante para que as empresas interesadas presenten ofertas, nun prazo de 13 días.

Unha vez resolta a adxudicación e asinado o contrato, a empresa terá un prazo de 4 meses para executar as obras.

0.081767082214355