Apróbase o proxecto de urbanización da zona entre Infanta Elena e Benigno Rivera
A Xunta de Goberno Local aproba hoxe o proxecto de urbanización do polígono 3 do UZPI-2.1, unha zona industrial de nova creación que estende a trama urbana entre as avenidas Infanta Elena e Benigno Rivera. O novo espazo, situado entre o centro comercial As Termas e O Ceao, conta con 6.385 metros cadrados de rede viaria, 7.500 de zonas verdes e 8 parcelas de chan industrial con 20.000 de superficie e máis de 34.000 de edificabilidade. “Todo este traballo de planeamento, xestión e urbanización permitirá mellorar as comunicacións da zona norte, ampliará os nosos parques e proporcionará ao tecido produtivo recursos para robustecer a nosa economía e xerar emprego”, sinalou a rexedora.
Ademais, na sesión de mañá, o Goberno local dará luz verde aos proxectos de expropiación e urbanización da segunda fase da avenida Infanta Elena. Deste xeito, culmínase a tramitación administrativa dun proxecto que permitirá completar o desdobramento dunha das principais arterias da cidade que, ademais de vertebrar a zona norte, funciona como vía de acceso e saída á cidade e comunica as zonas centro e sur da urbe coa principal superficie industrial de Lugo. Este proxecto, que permitirá achegar fluidez ao tráfico rodado e gañar itinerarios peonís aumentando así a seguridade viaria, supoñerá un investimento total de 1.254.455 euros e conta con 12 meses de prazo de execución desde que a obra sexa contratada por parte da Deputación provincial. Para iso foi necesario por parte do Concello expropiar sete parcelas cunha extensión total de 3.583 metros cadrados por un valor de 81.742 euros. Ademais, durante os traballos ocuparanse temporalmente outros 5.301 metros cadrados doutras 29 parcelas.
Así mesmo, completando a XGL de mañá, aprobarase por parte do Executivo que dirixe Paula Alvarellos o estudo de detalle de dúas parcelas de equipamento público no polígono industrial das Gándaras que acollerán unha gasinera e unha nova nave industrial. Ambos solos teñen unha extensión de 25.000 metros cadrados, 12.500 cada un.
“Estes tres proxectos teñen un valor capital en desenvolvemento da zona industrial e comercial da zona norte e supoñerán un impulso a nivel económico para todo o municipio. Desde a miña chegada á alcaldía fixei como unha prioridade avanzar no desenvolvemento do planeamento urbanístico. Espremer ao máximo a nosa capacidade de xerar novos solos industriais e residenciais permitiranos avanzar como cidade. O obxectivo é completar a trama urbana mellorando as nosas comunicacións, ampliando as dotacións públicas e proporcionado solo para aloxar novos proxectos industriais, comerciais e residenciais que contribúan a dinamizar o tecido produtivo e xerar emprego”, concluíu a alcaldesa.