Arias afirma que a reparación das goteiras do CEIP Paradai compete ao Concello

LugoXa
O delegado lembrou que o Goberno galego finalizou recentemente as obras de rehabilitación integral do centro
colexio-paradai-lugo
15 Jan 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, respondeu hoxe ao tenente de alcaldesa de Lugo e explicou que a reparación das goteiras que se rexistran na cuberta do pavillón do CEIP Paradai, así como a limpeza das arquetas do centro, son “meras cuestións de mantemento que competen ao Concello”.

O delegado lembrou que o Goberno galego finalizou recentemente as obras de rehabilitación integral do centro, nas que investiu preto dun millón de euros, e explicou que naquel momento “non se apreciou a necesidade de rehabilitar a cuberta do pavillón”. A reforma incluíu a mellora do illamento da estrutura do colexio, cambios de carpinterías e a remodelación de espazos interiores, entre outras actuacións, “que permitiron á comunidade educativa dispor dunhas instalacións máis confortables, accesibles e sustentables”.

Arias asegura que a situación do CEIP Paradai -con goteiras, arquetas atascadas por falta de limpeza ou luminarias fundidas- “non é única”, senón que se repite noutros colexios e institutos da cidade “polo abandono do Concello dende hai anos nas cuestións puntuais de mantemento” dos centros. “Por falta de xestión, de capacidade económica ou de persoal, o Concello sempre bota balóns fóra e intenta acusar á Xunta do seu propio deixamento”, dixo.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta para renovar colexios e institutos con grandes actuacións e referiuse ás recentes rehabilitacións integrais dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Ánxel Fole e Muralla Romana así como á que se está a executar no IES Lucus Augusti, que suman un investimento total de preto de 7,5 millóns de euros.

0.17792582511902