Arias defende que os orzamentos da Xunta destinan 1.867 millóns de euros á provincia de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, valorou hoxe o “firme compromiso” do Goberno galego coa provincia de Lugo, que suma 1.867 M€ nos Orzamentos para 2026, “con partidas que poñen o foco nas persoas e nas necesidades reais das familias lucenses”.
Arias referiuse ao reforzo no orzamento destinado á construción de vivendas de promoción pública, á que se dirixen 29 M€ -16 M€ máis que no exercicio anterior-, “o que nos permitirá seguir facilitando o acceso a unha vivenda ás familias con máis dificultades para acceder no mercado libre”. Neste senso, lembra que “no que vai de lexislatura puxemos en marcha na capital máis de 2.900 vivendas, que se atopan en distintas fases de execución: temos un total de 597 vivendas en marcha, a maior parte delas en Garabolos, construiremos outras 137 nas parcelas obtidas da permuta co Concello -en Paradai de Arriba e Ángelo Colocci- e porase a disposición solo residencial para outras 1.200 vivendas a través do PIA do Sagrado Corazón”, detallou.
As contas para 2026 destinan outros 570.0000 € para a construción dun inmoble de aloxamentos temporais e compartidos para menores de 36 anos na rúa Illa Coelleira, en Lugo, e a través do programa Rexurbe seguiranse rehabilitando vivendas tanto na capital como en Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.
Reforzo do gasto social
Os Orzamentos que vén de aprobar a Xunta son os máis altos da historia da comunidade, superando por primeira vez a barreira dos 14.000 M€ -suman en concreto 14.240 M€, un 2% máis que no ano 2025-, e fan un reforzo sen precedentes nas áreas sociais para seguir favorecendo o benestar e a igualdade entre todos os galegos, vivan onde vivan.
Javier Arias confirmou que ese compromiso coas políticas sociais se reflicte nas contas para a provincia, que reservan 3 M€ para o novo centro de atención integral á saúde mental que se situará na Rampa de Claudio López, en Lugo, e que “convertirá a cidade nun referente no eido da atención á saúde mental en toda Galicia”; 4,9 M€ para seguir avanzando na reforma das instalacións da residencia de maiores das Gándaras; e 1 M€ para continuar mellorando tamén a residencia da Milagrosa, coas obras de reforma xa en marcha.
No relativo ao gasto social, o delegado territorial salientou ademais que se duplica o investimento en Bonos de dependencia, ata sumar 55 M€. Referiuse tamén ao mantemento da gratuidade nas escolas infantís, do que se benefician arredor de 3.500 nenos e nenas da provincia e que contará aquí cun investimento de 7,7 M€; ás axudas ás familias para conciliar a través do Bono Concilia e do Plan Corresponsables, que perciben un total na comunidade de 11,3 M€; e explicou que se manteñen os apoios económicos ás vítimas de violencia de xénero, tanto os periódicos como o pago único.
No ámbito da sanidade, as contas de 2026 dótanse dun total de 3,6 M€ para avanzar nas obras contempladas nos Plans directores do Hospital da Mariña e do Hospital de Monforte, e consígnase crédito para a adquisición de equipamento tanto nos centros hospitalarios como nos da rede de Atención Primaria.
Precisamente en desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria contémplanse partidas para avanzar nos proxectos de diversos centros de saúde. No que atinxe á capital, destínanse 2,18 M€ á reforma integral do centro de saúde da Milagrosa -cuxas obras se iniciaron recentemente- e consígnase a dotación que permitirá licitar o proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón en canto o Concello de Lugo poña a disposición da Xunta os terreos na parcela do antigo colexio.
No resto da provincia consígnase crédito para a construción do centro de saúde de Antas de Ulla (1,27 M€), para a reforma do centro de saúde de Outeiro de Rei (626.500 M€) e tamén para poder iniciar as actuacións de construción de novos centros de saúde nos concellos de Meira (1,9 M€) e Becerreá (1,27 M€), actualmente en fase de proxecto. Tamén se reservan fondos para a licitación do proxecto do novo centro sanitario de Ribadeo.
No seu repaso ás partidas territorializadas dos Orzamentos, Arias referiuse tamén aos investimentos previstos en materia educativa, “que permitirán seguir mellorando e modernizando os centros da provincia”, cun orzamento de 1,4 M€ para acometer a rehabilitación integral do CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela; 1 M€ para ampliar o IES Muralla Romana de Lugo, e outro millón para a ampliación do IES María Sarmiento, de Viveiro. Prevense tamén actuacións importantes no IES A Pinguela (Monforte) e nos CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros) e Frei Luis de Granada (Sarria).
Intermodal e impulso ás infraestruturas
Os Orzamentos para 2026 incrementan ata os 7,9 M€ a partida para rematar os traballos na estación Intermodal de Lugo, centrados na terminal de autobuses e no aparcadoiro, así como para acadar a plena integración da estación de buses coa ferroviaria, e dan continuidade ao programa de investimentos do Plan Paradai, con crédito consignado para a mellora e ampliación da rúa Serra de Meira.
No tocante ás infraestruturas na provincia, o delegado territorial destaca o aumento dun 60% na partida dedicada á conversión en autovía do corredor entre Nadela e Sarria, que chega aos 5 M€. O Consello da Xunta aprobou esta mesma semana o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental do desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, que culminará a transformación da vía.
Mantense ademais a aposta por mellorar as conexións no norte da provincia, destinando 4 M€ á VAC Costa Norte, a Variante de Viveiro e a mellora da LU-540 entre Viveiro e Ourol, o que supón un 40% máis que neste ano, e as contas reservan tamén partidas importantes para avanzar no acondicionamento e restitución da LU-651 en Folgoso do Courel (3 M€) e para acondicionar a LU-231, que artella o eixo Begonte-Friol-Palas de Rei (2 M€) .
Javier Arias referiuse tamén ás partidas reservadas para actuacións nos parques empresariais da provincia, como a continuación da ampliación do polígono das Gándaras, en Lugo, que conta cunha partida de 5,6 M€ “que permitirá mellorar as redes de comunicación e a conexión exterior do que é xa un parque plenamente consolidado”, con arredor de 130 empresas asentadas. Ampliarase tamén o polígono empresarial de Palas de Rei, para o que se dispón unha partida de 1,4 M€.
Medio ambiente e medio rural
En medio ambiente consígnanse, entre outras, partidas para actuacións como a reparación da rede de abastecemento nos concellos de Ribadeo e Trabada ou a mellora das potabilizadoras de Baralla, Rábade, Cervo e Burela. Tamén se contempla crédito para continuar as obras da nova EDAR de Foz, construír a de Burela e ampliar a depuradora de Triacastela, ademais de para realizar melloras de saneamento en distintos núcleos de Pantón ou para executar a obra para reducir o risco de inundación xunto ao río Fontecova, en Viveiro.
En materia de augas, prevese licitar tamén a mellora do saneamento e abastecemento no núcleo de Esperante, en Lugo, unha obra que terá un custe total de 4,7M€.
No eido rural, os Orzamentos reflicten a aposta do Goberno galego por un terreo coidado e produtivo e, por iso, séguese avanzando na mellora de vías de comunicación a través do Plan Camiña Rural, que prevé un investimento de arredor de 4,5 millóns na provincia. Tamén se seguen a impulsar os proxectos de zona de reestruturación parcelaria que, no caso de Lugo, triplican o seu investimento ata chegar aos 4,4 M€.
Mantense igualmente o apoio ao sector vitivinícola, cunha liña de achegas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra; resérvase orzamento para a incorporación de novos activos ao agro e para axudas da PAC; e refórzase a colaboración para labores de xestión da biomasa no marco do convenio da Fegamp (con 15,5 M€ para toda a comunidade).
Javier Arias explicou que as contas para 2026 prevén tamén destacados investimentos no eido cultural na provincia e referiuse, entre outros, aos 500.000 € para os traballos previstos no plan de conservación da Muralla, ou aos 600.000 € dirixidos a novas actuacións de rehabilitación na Catedral de Lugo, “na que estamos a facer un importante esforzo inversor, e onde vimos de rematar precisamente os traballos destinados a solucionar os problemas de humidade na cabeceira do templo”.
Prevense tamén actuacións de restauración no Mosteiro de Vilanova de Lourenzá e obras de conservación na Igrexa de Santa María de Sarria. Nas contas refórzase ademais o compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, de cara á súa posible declaración en xullo do vindeiro ano, e séguese a impulsar a programación na Rede Galega de Teatros e Auditorios para promover a cultura con propostas para todos públicos.
Outros investimentos
Os Orzamentos para 2026 consignan importantes partidas en todas as áreas que permitirán “avanzar en proxectos e consolidar servizos en toda a provincia”, segundo subliñou o delegado territorial, que se referiu a actuacións como o remate da reforma do estadio Anxo Carro, para o que se dispoñen 2,7 M€, ou a promoción do Polo Industrial de Rozas que terá un papel protagonista na posta en marcha da primeira Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo. De feito, Rozas albergará o primeiro banco de probas en España do ‘Ceo Dixital Europeo” no marco das accións previstas pola Xunta para converter esta infraestrutura nun referente internacional no sector aeroespacial.
As contas prevén máis de 2,5 M€ para avanzar na mellora dos edificios dos xulgados de Lugo, Monforte, Vilalba e Viveiro, e mobilizan tamén arredor de 4,5 M€ co fin de manter e potenciar a capacidade de actuación ante as posibles emerxencias na provincia.
En materia de emprego, os Orzamentos destinan 680.000 € para os Centros de Formación Ocupacional de Lugo, Viveiro e a UAF de Monforte e impulsan con 650.000 € os cinco polos de emprendemento activos na provincia -Mondoñedo, A Fonsagrada, Friol, Sarria e Monforte-. Renovaranse ademais oficinas de emprego como as de Monforte e Sarria.
Arias referiuse tamén ás actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica na Mariña lucense, que contan con preto de 3 M€ para o vindeiro exercicio, o doble da anterior anualidade. Destínanse partidas para a reordenación da fachada marítima e aparcadoiro de Viveiro; para o saneamento e o reforzo do dique de Celeiro; para dar continuidade ao proxecto de acceso ao porto e reforzar o noiro do peirao de Ribadeo; e para culminar as obras de reforzo do abrigo e adaptación ao cambio climático no porto de Burela, entre outras actuacións.