Arqueiros da Escola Lucense de Tiro con Arco competiron na primeira xornada da Liga Galega ao aire libre

As instalacións do Club Meigarco, en Redondela, acolleron a primeira xornada da Liga Galega de Aire Libre de tiro con arco, unha proba valedeira para o Ranking Autonómico de Aire Libre 2026 (RAUS), na que participaron varios arqueiros da Escola Lucense de Tiro con Arco.
Na competición, Fon Villamiel logrou a segunda posición na categoría Tradicional +50 masculino cun total de 504 puntos, mentres que José Ángel Otero Martínez rematou sexto en LongBow +50 masculino con 451 puntos. Pola súa banda, Juan Andrés Casaleiro Piña acadou o posto 13 en Recurvo sénior masculino con 482 puntos, e José Luis López Jiménez finalizou oitavo en Recurvo +50 masculino tras sumar 426 puntos.
A participación dos deportistas lucenses estivo marcada polas dificultades para preparar a competición, xa que tiveron que afrontar tiradas a distancias de entre 30 e 70 metros segundo as categorías, sen dispoñer de instalacións ao aire libre onde adestrar. Esta carencia complica a preparación da campaña de aire libre, que representa aproximadamente a metade da tempada para os arqueiros.