Arquitectos británicos estudan o centro social Lamas de Prado como referente de sustentabilidade
Unha delegación de arquitectos británicos visitou o novo centro social de Lamas de Prado para coñecer en profundidade os detalles construtivos que converten a esta dotación municipal nun referente na edificación sustentable. O uso de madeira de produción local, así como as prestacións e o comportamento enerxético do edificio de carácter social, espertaron interese na empresa Eurban, o principal productor de estructuras de madeira do Reino Unido e internacionalmente recoñecido por obras como a ampliación da residencia universitaria St. Clare's College da Universidade de Oxford.
Este equipamento municipal, que na actualidade dá servizo a unha poboación de preto de 20.000 habitantes como espacio multidisciplinar, foi deseñado baixo criterios medioambientais e de sostibilidade, onde a madeira de orixe galega é o principal elemento estrutural. A súa execución en equilibrio co uso do formigón espertou o interese da corporación inglesa ocupando unha parte substancial da visita dos técnicos a cidade, na que foron guiados por responsables de Xilonor, a empresa galega autora da armazón. Nesta liña, no proxecto apostouse tamén por acadar unha alta eficiencia enerxética maximizando a incidencia da luz natural, polo que a zona sur do inmoble foi dotada dun innovador peche de láminas de madeira que regula a incidencia do sol e controla o confort climático interior. Aspecto analizado tamén en detalle polos visitantes debido a capacidade deste compoñente para reducir o gasto enerxético do inmoble, que é un 40% menor ao do un edificio convencional.
O uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente nos equipamentos públicos é xa un selo de identidade da xestión municipal do Executivo de Lara Méndez. Deste xeito, o centro social de Lamas de Prado foi concibido na liña doutros proxectos promovidos polo Goberno local, como o edificio Impulso Verde ou o futuro centro deportivo `Lugo Sport Life´, o que sitúa a Lugo como referente europeo no urbanismo sostible promovido por administracións locais.
“O obxectivo deste eixo transversal da nosa acción política, no que conflúen a estratexia Dusi Muramiñae e o proxecto Life Lugo+Biodinámico, é a defensa do medio ambiente e a loita activa contra o cambio climático na contorna urbana”, sinalou a alcaldesa, Lara Méndez. “A nosa aposta por este tipo de edificación, ao tempo que promove unha cidade respectuosa co medio, busca incentivar un novo modelo produtivo para o municipio baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sustentable e a xeración de empregos estables de calidade”, concluíu a rexedora.